- Tematica
A Oficina do Voluntariado de Ames (OVA) está a desenvolver continuamente numerosas actividades orientadas a axudar a colectivos desfavorecidos ou que contan cunhas necesidades específicas. Pero a OVA tamén precisa apoio dos voluntarios/as, persoas que de xeito altruísta e solidario están dispostas a dedicar o seu tempo aos demais. Fai tribo! é o título da campaña que foi presentada esta mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns. O obxectivo desta iniciativa é visibilizar a labor dos voluntarios/as e incentivar a colaboración da veciñanza nalgún dos campos do voluntariado. Á presentación acudiron Uxía García, concelleira de Benestar Social; Rubén Ramos, técnico da Oficina de Voluntariado; e Doli Folgar, da empresa Fotoegrafica, encargada do deseño da campaña gráfica.
Fai tribo! Este é o lema elixido pola Oficina do Voluntariado de Ames (OVA) para captar novos voluntarios/as neste ano 2024 e visibilizar a labor de todas as persoas que xa colaboran dedicando o seu tempo aos demais. Aínda que esta campaña está aberta durante todo o ano, durante estas semanas intensifícase co obxectivo de animar á cidadanía amesá a que participe nas actividades que se desenvolverán ao longo deste ano. Ao longo deste mes de xaneiro irán abríndose os prazos de inscrición para as distintas actividades que organiza a Oficina do Voluntariado de Ames.
Durante o acto, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que as accións desenvolvidas pola OVA buscan “axudarnos entre veciños e apoiar aos colectivos vulnerables, participando nas súas vidas con apoios específicos”. Así mesmo, afirmou que o que se persegue con Fai tribo!, é renovar o plantel de voluntarios e voluntarias: “Precisamos un aire fresco, xente nova con ganas de traballar e que propoña novas liñas de actuación”.
Nesta mesma liña se expresou Rubén Ramos, técnico da Oficina de Voluntariado de Ames, que afirmou que “en Ames o voluntariado está moi arraigado, pero sempre temos que dar un paso máis, para revitalizar todas as liñas de acción”. Tamén aproveitou para animar á veciñanza de Ames e de concellos da contorna a colaborar e dedicar algo de tempo a quen máis o precisa. Rubén Ramos dixo que na actualidade hai 28 voluntarios/as en activo e quixo destacar que a Oficina de Voluntariado de Ames púxose en marcha no ano 2001 sendo unha das primeiras de Galicia.
Doli Folgar, deseñadora da campaña e pertencente á empresa Fotoegrafica, explicou que “o berro de fai tribo é un concepto moi importante dentro da campaña xa que ten o obxectivo de chegar a toda a veciñanza co fin de que todas as persoas nos mobilicemos e axudemos de forma altruísta na medida do posible dentro da comunidade á que peetencemos”. Tamén destacou que para facer o deseño gráfico participaron cinco persoas voluntarias de Ames. “Quixemos darlle moito protagonismo a estes voluntarios/as porque cremos que merecen esta homenaxe”. Por ultimo, animou á veciñanza a colaborar co voluntariado de Ames “porque é un servizo que penso que causa envexa nos concellos da contorna. Aquí en Ames faise un gran traballo”.
Quen pode participar?
Todas as persoas maiores de 16 anos (xubilados, amas de casa, estudantes, persoas en activo...) con ganas de axudar aos demais, sen agardar unha compensación económica a cambio, poden ser voluntarios e voluntarias. Os campos de axuda son moi amplos e abertos. Tarefas tan comúns nas nosas vidas como facer a compra ou acudir a unha cita médica poden non resultar tan doadas para persoas maiores o con algunha discapacidade. Os voluntarios e voluntarias poden axudar a estas persoas nas súas actividades cotiás, o cal implica unha mellora na súa calidade de vida.
Liñas de actuación
Ademais do acompañamento a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade, os voluntarios e voluntarias poden dar clases de reforzo escolar a nenos e nenas, axudalos nos seus deberes, dar clases a persoas maiores que non saben ler nin escribir nas Escolas integrais de Bertamiráns e do Milladoiro, dar clases de español e galego para estranxeiros, colaborar no roupeiro municipal, impartir os obradoiros de ganchillo, de patronaxe, corte e confección; de linguas; e de relaxación. Estas son algunhas das liñas de actuación e de acción voluntaria que a Concellaría de Benestar Social ten abertas, pero a Oficina municipal de voluntariado está aberta a todas as propostas das persoas interesadas en dedicarlle un tempo a colectivos necesitados de axuda.
Por outra banda, como novidade, este ano 2024 vanse implementar un novo programa: Soidade 0, orientado ás persoas maiores e con discapacidade do concello que están soas e/ou non teñen apoios familiares. Ademais, vaise a reforzar o programa de apoio escolar con máis persoas voluntarias, que impartirán clases de reforzo a rapaces e rapazas en situación vulnerable.
As persoas interesadas en colaborar coas actividades de axuda da OVA poden dirixirse á Oficina do Voluntariado, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para máis información poden chamar ao 662 37 70 44, contactar a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal ou no Facebook da oficina do voluntariado.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames busca más participación en la oficina de voluntariado con la campaña «Fai tribo!»"
El Correo Gallego: "Arranca la campaña ‘Fai tribo!’ para visibilizar la labor de los voluntarios y captar savia nueva"
Lindeiros: " "Fai tribo!" Ames busca voluntarios"