Solapas principales

Preséntanse as XII xornadas Achégate a Igualdade que se realizarán o 1 de decembro en Bertamiráns

Jueves, 27 de octubre de 2022

A Concellería de Benestar Social organiza para o xoves, 1 de decembro, a décimo segunda edición das Xornadas Achégate á Igualdade, que se desenvolverán na Casa da Cultura de Bertamiráns. A xornada é gratuíta con aforo limitado. Está aberta a todo público interesado, dende profesionais da área ata público xeral, pasando por educadores e educadoras, docentes, área da psicoloxía, da orientación, profesionais da administración pública, pais e nais. Para participar hai que inscribirse no enderezo electrónico: achegate22@gmail.com indicando nome, apelidos e forma de asistencia: presencial ou streaming. Premendo neste enlace podes descargar o programa completo das xornadas.

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a Concellaría de Benestar Social organiza a décimo segunda edición das Xornadas Achégate á Igualdade que tocarán temas como o das adolescencias e sexualidades: influencia do inconsciente pornográfico; o coidado das persoas vítimas de violencia de xénero dende diferentes ámbitos profesionais; e construíndo un mundo sen violencia sexual: ética e estratexias feministas.

Contarase con distintas profesionais como Vanesa Rodríguez Pousada (psicóloga e sexóloga), Concepción Rodríguez Pérez (terapeuta do programa de atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero), Chus Olivares Rodríguez (traballadora social feminista), e Amelia Tiganus (activista e escritora feminista). Nesta xornada tamén se contará co persoal do Centro de Información á Muller de Ames (María Teresa Arufe, directora do CIM, e Mónica Antelo, psicóloga do CIM), así como co coordinador e coordinadora de programas de prevención de “coidadosÁmente”, Juan Carlos Permuy e Belén Montesa.

A presentación das xornadas realizouse hoxe pola mañá no salón de plenos da Casa do Concello, na que participaron a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo; a directora e maila psicóloga do Centro de Información á Muller do Concello de Ames, María Teresa Arufe e Mónica Antelo; e mailo coordinador e coordinadora de programas de prevención de “coidadosÁmente”, Juan Carlos Permuy e Belén Montesa.

A xornada é gratuíta con aforo limitado e aberta a todo público interesado, dende profesionais da área ata público xeral, pasando por educadores e educadoras, docentes, área da psicoloxía, da orientación, profesionais da administración pública, pais e nais. Para inscribirse hai que enviar un correo ao enderezo electrónico: achegate22@gmail.com indicando nome, apelidos e forma de asistencia: presencial ou streaming. As prazas asignaranse por orde de inscrición.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, explicou que “esta edición volve coa esencia coa que naceron estas xornadas. Volvemos á presencialidade cunha mañá intensa na que haberá dúas conferencias e unha mesa redonda. Reformulamos as xornadas con nova imaxe e un pequeno cambio de nome”.

Luísa Feijóo engadiu “son unhas xornadas pensadas dende a casa, xa non só porque vai a participar o noso persoal do CIM e ademais contamos coa presencia e dirección técnica da equipa de coidadosÁmente, que xa levan cinco anos traballando en Ames desenvolvendo programas de prevención e de igualdade, senón porque se van a tocar temas que tanto dende o CIM, como no traballo que se desenvolve nos centros escolares vemos que están afectando directa e negativamente á igualdade. Trátase de informar, sensibilizar pero sobre todo de buscar a reflexión e o debate sobre estes temas concretos”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames se acercará a la realidad con una visión real sobre la prostitución"

AMS GO!: "Achégate á Igualdade acada a súa XII edición"

Imaxe da presentación das xornadas Achégate á Igualdade

Multimedia

  • Imaxe da presentación das xornadas Achégate á Igualdade
  • Cartel das xornadas Achégate á Igualdade
  • Programación das xornadas Achégate á Igualdade