Solapas principales

Preséntanse a auditoría enerxética das instalacións municipais do Milladoiro e Bertamiráns

Martes, 14 de agosto de 2018

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da auditoría enerxética das instalacións municipais do Milladoiro e Bertamiráns, dentro da estratexia DUSI “Impulsa Ames”. Este traballo, que foi encargado polo goberno municipal á ELA INGENIERÍA MEDIO AMBIENTE, recolle a situación actual de consumo de 18 edificios municipais e as medidas de mellora deseñadas de forma individual para cada un deles. Unha auditoría que permitirá elaborar un plan de actuación para conseguir unha mellora enerxética en función do aforro, necesidades e confort dos seus traballadores/as e usuarios/as.

Os encargados de facer a presentación desta auditoría enerxética foron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, o coordinador do plan “Impulsa Ames”, Juan Carlos Carreja, e a técnica de ELA INGENIERÍA MEDIO AMBIENTE, Fátima Pombo.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “con esta auditoría queremos empezar a deseñar todos os investimentos que están contemplados dentro do plan para 2018, así como os futuros de 2019 nos diferentes edificios públicos. Serviunos para detallar xa non só os consumos actuais, senón tamén, e sobre todo, as propostas para reducir eses consumos”. Fátima Pombo, de ELA, suliñou que “se auditaron 18 edificios, xerando 16 auditorías en diferentes instalacións, a maioría administrativas pero tamén en equipamentos educativos e deportivos. Foi un proceso estandarizado co que pretendemos coñecer os edificios e establecer aquelas medidas que van permitir conseguir aforros enerxéticos e de emisión”.

A auditoría enerxética das instalacións municipais do Milladoiro e Bertamiráns centrouse nun primeiro momento na análise das facturas durante unha anualidade, as medicións para determinar canto consumen os edificios e a realización dun inventario para coñecer máis pormenorizadamente as características e períodos de consumo. Con estes datos, elaborouse un perfil enerxético cunha visión global de canto se consume e sobre o funcionamento dos diferentes equipos. Con posterioridade, procedeuse ao deseño de medidas de aforro e mellora enerxética, co fin de optimizar a facturación, diminuír o consumo e mellorar os equipos existentes. Neste sentido, valórase a necesidade de proceder ao uso de luminarias LED, instalar equipos de aerotermia e cambiar os que contan cun baixo rendemento. Tamén se dá conta da posibilidade de incorporar as enerxías renovables, como biomasa ou solar térmica, así como solar fotovoltaica.

Aforro enerxético
Das cifras que arroxa auditoría destes 18 edificios públicos de Bertamiráns e do Milladoiro despréndese un consumo anual de arredor de 560.000 kw/hora. É dicir, 95.000 euros de consumo anual só de electricidade, aos que habería que engadir preto de 38.000 euros en combustible. Os principais consumos realízanse en iluminación e climatizacións, se ben tamén teñen incidencia o uso de gas natural e gasóleo en calefaccións e consumo de auga quente. As medidas de mellora enerxética foron deseñadas de forma individual para cada edificio. Neste sentido, e de forma global, aúnanse actuacións que pasan polo cambio a luminarias LED (nos edificios que o requiran por consumo) a incorporación de aerotermias eficientes e a instalación de enerxías renovables. Medidas que suporían un aforro enerxético de 55.800 euros anuais.

Unha vez realizada a auditoría, o alcalde de Ames engadiu que “agora toca adaptar os datos en función das subvencións que haxa. Ao longo de agosto e setembro deseñaremos a planificación e comezaremos a facer as contratacións directas para elaborar no último trimestre deste ano o que tiñamos deseñado dentro do plan “Impulsa Ames” dentro dos orzamentos”.

Contido relacionado:

La Voz de Galicia: "Ames puede rebajar un 40 % el gasto energético de 18 edificios municipales"
Lindeiros: " Ames busca a eficiencia enerxética nos edificios municipais"
Compostela 24 horas: "Presentouse a auditoría enerxética das instalacións municipais do Milladoiro e Bertamiráns"

Presentación da auditoría enerxética

Multimedia

  • Presentación da auditoría enerxética