Solapas principales

A praza da Maía acolle unha exposición que recolle o proceso de humanización da améndoa central de Bertamiráns

Viernes, 17 de noviembre de 2023

As obras de execución para humanizar a améndoa central de Bertamiráns están próximas a rematar. Agárdase que en decembro estean rematadas as obras que na actualidade se están executando nas rúas Entrerríos e Ameneiral, situadas na contorna da praza do Concello. Para dar conta deste importante proxecto, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, inaugurouse hoxe unha exposición na praza da Maía, que recolle información e fotografías sobre os traballos feitos dende finais do mes de xaneiro. A través de dita actuación mellorouse a comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes, contribuíndo á  dinamización da economía e do comercio local. Actuouse en seis rúas e dúas prazas en tres fases distintas de execución. Converteuse o centro urbano de Bertamiráns no eixe vertebrador da vila, sen prohibir o tráfico rodado, e dándolle prioridade ás persoas para favorecer que os percorridos cotiáns se realicen a pé.

O Concello de Ames está inmerso na execución da EDUSI Impulsa Ames que afronta xa a súa recta final e que así se está a ver dende fai unhas semanas coa presentación de proxectos como os percorridos ambientais do Milladoiro ou o novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns. Deste xeito, esta mañá presentouse unha exposición, instalada na praza da Maía de Bertamiráns, que recolle información e fotografías sobre o proceso de humanización da améndoa central de Bertamiráns.

Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Blas García; a concelleira encargada do proxecto, Susana Señorís; a técnica da EDUSI Impulsa Ames, Clara García; e mailo redactor e director do proxecto da empresa Estudio Técnico Gallego, Pablo Blanco. Tamén participaron concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular, así como José Ramón Blanco, xerente de Estudio Técnico Gallego, e Brais Vicente, xefe de obra da UTE Construcciones Cernadas SL e Vázquez Reino SL.

O alcalde, Blas García, destacou que “a execución desta obra vai a cambiar a forma de vivir e de percorrer o centro urbano de Bertamiráns porque se fixo unha reorganización do tráfico para darlle prioridade aos espazos peonís. Todos lembramos, antes da construción da AG-56, que esta estrada que cruza Bertamiráns soportaba unha cantidade de tráfico e se formaban grandes retencións de vehículos. Agora o que fixemos a través desta actuación foi humanizar este entorno das prazas da Maía e do Concello para minorar a velocidade de circulación dos vehículos e darlle preferencia aos peóns. O principal obxectivo é converter as prazas e rúas en lugares para o desfrute da veciñanza e para facer vida na rúa. Gáñase espazo para as persoas e ademais nunha única plataforma continua e á mesma altura para facilitar a mobilidade, o encontro da veciñanza e maila interacción social”.

Por outra banda, a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, sinalou que “o Concello de Ames está apostando por un modelo urbano máis sostible e orientado ás persoas. Isto queda moi ben reflectido nestes oito paneis que compoñen a exposición e que permanecerán instalados aquí nas próximas semanas. Estamos a falar da revitalización do centro urbano de Bertamiráns baseándonos nun maior protagonismo das persoas e dos peóns sobre o tráfico rodado, pero sen renunciar a algo imprescindible como é a seguridade viaria. Penso que o resultado desta acción é máis que satisfactorio, porque hoxe o centro de Bertamiráns é un lugar máis atractivo e apetecible para camiñar, para convivir, para mercar e para relacionarnos coa veciñanza”.

O redactor e director do proxecto da empresa Estudio Técnico Gallego, Pablo Blanco, explicou que “as tipoloxías construtivas variaron un pouco entre unhas zonas e outras. No entorno da praza e avenida da Maía e na rúa Alcalde Lorenzo executouse unha única plataforma ao mesmo nivel na que se optou unha por unha tipoloxía de pavimentos pétreos, adoquín e formigón cun tratamento específico, para que na medida do posible se semellase a un acabado en pedra. Na rúa Rueiro optouse por unha tipoloxía tradicional con beirarrúas máis amplas con baldosas e con pavimento de aglomerado”.

Obxectivos da actuación
O proxecto foi elaborado por Estudio Técnico Gallego e executado pola UTE Construcciones Cernadas SL e Vázquez Reino SL. O importe de adxudicación das obras ascendeu a 1.347.000 euros. Os obxectivos xerais da actuación foron favorecer que os percorridos cotiáns se realicen a pé; mellorar a comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes; e contribuír á  dinamización da economía e do comercio local.  Deste xeito, actuouse en seis rúas e dúas prazas (avenida da Maía, travesía da Peregrina, rúa do Rueiro, rúa Alcalde Lorenzo, rúa Entrerríos, rúa Ameneiral, praza da Maía e praza do Concello) en tres fases distintas de execución.

A través de ditas obras executouse unha plataforma continua e á mesma altura na avenida da Maía, rúa Alcalde Lorenzo e na praza da Maía, para facilitar a mobilidade, o encontro da veciñanza e maila interacción social. Tamén se abordou a remodelación da rúa do Rueiro e da Travesía da Peregrina  converténdoas nunha prolongación da praza da Maía no acceso cara ao parque do Ameneiral. Por último, estase executado a conexión das rúas Entrerríos e Ameneiral coa praza do Concello e cun itinerario peonil e ciclable.

Problemas detectados e solucións adoptadas
Existían unha serie de problemas aos cales se deu solución coas obras executadas. Había un deseño non proporcional ás necesidades dos peóns con beirarrúas moi estreitas; deficiencias no cumprimento dos estándares de accesibilidade (plataformas a diferentes alturas, acceso ás beirarrúas, etc.); e unha contorna pouco amable coa peóns.

Coa humanización da améndoa central de Bertamiráns déuselle prioridade aos espazos peonís co incremento das beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas e continuidade nos itinerarios. Tamén se calmou o tráfico reducindo a velocidade nas interseccións e coa creación de plataformas compartidas por vehículos e peóns. Por último, realizouse unha importante renovación da imaxe desta zona coa instalación de mobiliario urbano máis moderno e cunha maior coherencia nos diferentes pavimentos instalados.      

Esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable (EDUSI), Impulsa Ames, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Con esta actuación o Concello aborda as principais dificultades e desafíos que xorden ao amparo do crecemento físico experimentado polo municipio nas últimas décadas.

Novas relaciondas:

El Correo Gallego: "Ames optará a más fondos europeos para acabar de humanizar Bertamiráns"

La Voz de Galicia: "La humanización de Bertamiráns, en Ames, está pendiente de obras en las calles Ameneiral y Entrerríos"

Ames Go: "A praza da Maía acolle unha exposición que recolle o proceso de humanización"

Acto de presentación da exposición que recolle o proceso de humanización da améndoa central de Bertamiráns

Multimedia

  • Acto de presentación da exposición que recolle o proceso de humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Acto de presentación da exposición que recolle o proceso de humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da exposición que recolle o proceso de humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da exposición que recolle o proceso de humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns
  • Imaxe da humanización da améndoa central de Bertamiráns