Solapas principales

A Ponte Maceira acolleu unha nova edición das Noites en Vela con máis de 2.000 persoas

Domingo, 19 de julio de 2026

A Ponte Maceira acolleu este sábado unha nova edición das Noites en Vela, que reuniu máis de 2.000 persoas neste enclave emblemático para gozar dunha velada de música e cultura coa ponte iluminada unicamente á luz das candeas.

O evento regresou á súa localización habitual despois de que o pasado ano tivese que trasladarse ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns debido ás condicións meteorolóxicas. Nesta ocasión, o monumento e a súa contorna volveron apagar a iluminación pública para crear unha atmosfera única que foi desfrutada por centos de asistentes.
As Noites en Vela, organizadas conxuntamente polos departamentos de Cultura dos concellos de Ames e Negreira, teñen como obxectivo poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística da Ponte Maceira, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2022 e incluída na listaxe dos Pobos Máis Bonitos de España.
Nesta edición, a música correu a cargo do cuarteto Balteira e do grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas de Ames. A actuación de Balteira contou co apoio do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia. A noite rematou cun espectáculo pirotécnico que puxo o broche final á celebración.

Balteira
Balteira é un cuarteto nacido a finais de 2025 en Betanzos, integrado por Cris Sánchez e Noa Migal (voces e percusións), Álex Fente (acordeón) e Pablo Pacior (ventos). A súa proposta musical céntrase na recuperación do repertorio oral galego, incorporando arranxos contemporáneos sen perder a esencia das pezas tradicionais.
Os seus concertos parten dos cantares populares e das melodías de baile que durante xeracións encheron de vida os torreiros, combinando respecto pola tradición cunha interpretación de gran calidade artística. Entre as súas gravacións destacan o Maneo de Anxeriz, con arranxo de Pedro Lamas, e a Muiñeira de Bardaos.
Os integrantes da formación proceden de proxectos tan recoñecidos como Tiruleque, Xosé Lois Romero & Aliboria, Comando Curuxás ou Habelas Hainas, e contan cunha ampla traxectoria como intérpretes e docentes de música tradicional.
O nome do grupo rende homenaxe á soldadeira medieval María Pérez "A Balteira", símbolo de liberdade e transgresión, que inspira o carácter renovador desta formación.

Grupo de gaitas da AC Follas Novas
Pola súa banda, o grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas, integrado por socios, socias e alumnado da entidade, ofreceu unha escolma de pezas da música tradicional galega. A agrupación desenvolve unha intensa actividade cultural ao longo do ano, participando en festas e eventos co obxectivo de difundir e promover a música tradicional galega.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Más de 2.000 personas comparten una noche mágica en A Ponte Maceira"

Noites en Vela 2026

Multimedia

  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026
  • Noites en Vela 2026