Solapas principales

Ponse en marcha a campaña "O bus que me leva!" para informar dos horarios e liñas do transporte metropolitano

Martes, 25 de enero de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, pon en marcha unha campaña para informar dos horarios e liñas do transporte metropolitano. En cada marquesiña do concello pódese atopar información detallada sobre os horarios e as liñas que pasan por dita parada. O obxectivo é ofrecerlle á veciñanza unha información precisa e útil. Estes horarios estarán colocados de xeito provisional durante un mes coa finalidade de detectar posibles erros. Unha vez pasado dito período colocarase a información definitiva. Solicítase a colaboración veciñal para detectar posibles erros na información provisional que está colocada nas marquesiñas. Ademais, a través de dita campaña preténdese fomentar a utilización do transporte público. Segundo se indica na campaña: Viaxar en autobús é cómodo, sostible e seguro.

Unha das queixas máis repetidas por parte da veciñanza é a falta de información sobre os horarios e liñas do transporte metropolitano. Para darlle solución a iso o Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de lanzar a campaña O bus que me leva! A través desta iniciativa trátase de achegarlle á veciñanza información detallada das liñas e dos horarios do servizo de transporte metropolitano. Esta campaña está baseada en tres elementos fundamentais: marquesiñas, mapa-bus e horarios. Deste xeito, en cada marquesiña está publicados os horarios acompañados dun mapa-bus, que indica o percorrido da liña e mailos enlaces con outras se fosen de interese para os/as usuarios/as.

É importante destacar que en cada marquesiña colocouse exclusivamente información sobre os horarios e frecuencias que pasan pola parada onde está situada dita marquesiña. Ademais, aproveitouse esta campaña para numerar as marquesiñas dos núcleos urbanos. Dita numeración das marquesiñas de O Milladoiro e Bertamiráns é necesaria, posto que, en bus.gal aparecen co nome de antigos establecementos que hoxe en día xa non existen.

Este formato está pensado fundamentalmente para as persoas máis maiores, indicando a hora aproximada de saída da parada e hora de chegada a destino, podendo ver as paradas intermedias. Para a mocidade e persoas que se manexan cos dispositivos móbiles poderán escanear o código QR que lles levará a información publicada ba páxina web do Concello de Ames.

Estes horarios estarán colocados de xeito provisional durante un mes coa finalidade de detectar posibles erros. Unha vez pasado dito período colocarase a información definitiva. É importante destacar que o Concello non ten competencia no transporte metropolitano, que toda a información recadada procede da páxina bus.gal e das páxinas web das empresas concesionarias. Solicítase a colaboración veciñal para detectar posibles erros na información provisional de horarios e frecuencias que está colocada nas marquesiña. Os erros detectados pódense comunicar a través do enderezo de correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal ou polo WhatsAmes 606 71 41 63.

En todo caso, unha vez se publiquen os horarios definitivos, dita información estará supeditada a posibles cambios que realice a empresa concesionaria, Monbus, que presta o servizo de transporte metropolitano que xestiona a Xunta de Galicia.

Campaña para tratar de mellorar o servizo
A presentación desta campaña realizouse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello. No acto de presentación estiveron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e maila deseñadora da campaña pertencente á empresa Fotoegrafica, Doli Folgar.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “isto non xurde dun día para outro, senón que a mobilidade é unha das apostas deste Goberno. Somos o concello máis xove de Galicia, moi próximo a Santiago, e ademais somos o concello que máis paga polo transporte metropolitano, case a metade de todo o que pagan o resto dos concellos, porque temos moitos usuarios e usuarias. Xa temos moitos/as usuarios/as que se benefician del, pero seguramente haxa moitos outros/as que quixeran utilizalo e non o fan porque descoñecen as liñas e o funcionamento do transporte”.

Blas García incidiu en que “non queremos que ninguén vexa esta campaña como un ataque. Nós queremos colaborar coa Xunta de Galicia e cremos que a política de transporte da Xunta debe de ir da man da política dos concellos”. O rexedor municipal mostrouse moi molesto cos constantes incumprimentos que está realizando a empresa concesionaria do servizo e ademais dixo “a publicación destes horarios é unha oportunidade para que a Xunta poida detectar ditos incumprimentos. Na última reunión que tivemos coa conselleira de Infraestruturas, sabemos que está preocupada polo funcionamento de certas liñas de transporte metropolitano da nosa zona, e que mesmo xa houbo algunha inspección por parte da Xunta. Queremos que este documento sirva como base para colaborar coa Xunta na mellora deste servizo”.

Por último, anunciou que proximamente se vai convocar unha xuntanza cos alcaldes e alcaldesas da comarca para analizar o funcionamento do transporte metropolitano. “As empresas que xestionan o transporte metropolitano non poden facer o que queiran. Sabemos que está pasando o mesmo noutras comarcas, como a da Coruña, e non podemos permitilo”.

Información visible, identificable e personalizada
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, quixo destacar o traballo realizado e maila implicación da empresa redactora deste proxecto, Fotoegrafica. “Este novo formato está pensado fundamentalmente para as persoas máis maiores, xa que quedan indicadas as horas aproximadas de saída e de chegada ao destino, podendo ver as paradas intermedias. A mocidade e as persoas que se manexen cos dispositivos móbiles poderán escanear un código QR que lles levará á información completa”. Ademais, engadiu que “os horarios que procedemos a colocar agora serán provisionais durante un mes”.

Doli Folgar, da empresa Fotoegrafica, dixo “dende que recibimos o encargo tivemos como obxectivo aportar unha información útil e moi clara. Tendo en conta que a xente nova soe usar as novas tecnoloxías con maior frecuencia, ás veces parece que deixamos de lado ás persoas maiores. Por iso, este proxecto pretende dar servizo a aquelas persoas que non teñen por costume consultar os horarios do autobús nunha aplicación. A información será visible, identificable e personalizada para cada parada, cos seus propios horarios de saída, frecuencias e direccións”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames incorpora los horarios del bus en cada marquesina y crea un mapa con todas las líneas"

El Correo Gallego: "Información a pie de parada contra las arbitrariedades del bus metropolitano"

Compostela 24 Horas: "Ames pon en marcha a campaña O bus que me leva! para informar dos horarios e liñas do transporte metropolitano"

 

Imaxe da presentación da campaña O bus que me leva!

Multimedia

  • Imaxe da presentación da campaña O bus que me leva!
  • Imaxe da campaña O bus que me leva!
  • Imaxe da presentación da campaña O bus que me leva!
  • Marquesiña da avenida da Maía, en Bertamiráns
  • Marquesiña da avenida da Maía, en Bertamiráns
  • Imaxe da campaña O bus que me leva!