Solapas principales

Póñense a disposición da Xunta de Galicia os pavillóns municipais para que poidan ser utilizados, no caso de que fose necesario, como hospitais de campaña

Lunes, 06 de abril de 2020

O alcalde de Ames, Jose Miñones, envioulle esta mañá unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para ofrecerlle á Administración autonómica os medios cos que conta o Concello de Ames na actualidade, especialmente os dous pavillóns polideportivos, e as súas salas anexas, situados nos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns, para que poidan ser utilizados, no caso de que fose necesario, como hospitais de campaña, ou para calquera outra necesidade que permita facer fronte á pandemia do Coronavirus (COVID-19).

Na carta enviada ao presidente da Xunta de Galicia recórdase que dende a Administración local amesá, adoptáronse todas as medidas necesarias para protexer á veciñanza, seguindo as indicacións establecidas polas administracións e polas autoridades sanitarias para, dese xeito, evitar a propagación do virus que nos rodea e ten modificado o noso xeito de vivir.
 
Por iso, chegado este momento, ademais de toda a labor xa desenvolta, o Concello de Ames quere mostrar a súa colaboración, e ofrecerlle á Xunta de Galicia os medios dispoñibles na actualidade cos que conta o Concello, especialmente os dous pavillóns polideportivos e as súas salas anexas situados nos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns, para que poidan ser utilizados, no caso de que fose necesario, como hospitais de campaña, ou para calquera outra necesidade que permita facer fronte á pandemia do Coronavirus (COVID-19).
 
Jose Miñones indica “con esta carta quero poñer no seu coñecemento que dende o Concello de Ames seguimos con fonda preocupación o avance da pandemia que estamos a sufrir mundialmente, e máis concretamente no noso Estado”.
 
O rexedor de Ames aproveitou tamén para “transmitirlle o apoio do Concello de Ames respecto das medidas xa adoptadas pola Xunta de Galicia, así como as aprobadas polo Goberno de España nas últimas xornadas, dirixidas a protexer a saúde das nosas veciñas e veciños, e póñome a súa disposición para aquelo que sexa preciso e que poidamos aportar dende a institución que dirixo, e dese xeito axudar a poñer punto e final á crise sanitaria que estamos a padecer. Este é momento de xuntar forzas, e por iso quedamos á espera do que precisen”.
Imaxe do pavillón do Milladoiro