Solapas principales

A Policía Local de Ames impón 30 sancións por incumprir as ordes ante a pandemia do Covid-19

Sábado, 21 de marzo de 2020

Dende o Concello e as forzas e corpos de seguridade volven a insistir na necesaria colaboración da cidadanía para o estrito cumprimento das normas derivadas do Real Decreto 463/2020 que establece o estado de alarma. A Policía Local de Ames procedeu a cursar ata un total de 30 denuncias en dous días por non respectar as medidas de seguridade impostas polo Executivo central ante a pandemia do coronavirus.

Tras uns primeiros días nos que os axentes da Policía Local procederon prioritariamente a realizar labores de información sobre as estritas medidas de seguridade a aplicar durante o estado de alarma, os pasados días 18 e 19 de marzo comezaron a interpoñer as primeiras denuncias principalmente por atoparse na vía pública sen motivo xustificado.
 
En concreto, o pasado mércores día 18 denunciouse a 6 persoas, denuncias que o xoves día 19 ascenderon a 24. Tres das denuncias foron por non circular de forma individual en vehículos particulares, 11 por desprazamentos en vehículos sen causa xustificada, e as restantes por permanecer en espazos públicos incumprindo os límites establecidos á liberdade de circulación das persoas.
 
Os próximos días extremarase a vixilancia así como o control do paseo de mascotas co obxectivo de evitar os abusos con esta práctica, lembrando que os paseos deben ser curtos e polo tempo imprescindible, só para cubrir as necesidades fisiolóxicas, sen contacto con outros animais ou persoas. Tamén é necesario levar unha botella de auga con deterxente para limpar posteriormente os ouriños e bolsas para as feces. A saída con mascotas debe realizarse prioritariamente nun horario no que haxa unha menor afluencia de xente.
 
Por outra banda, lémbrase a prohibición de sacar mobiliario ou enseres á vía pública debido a que quedou suspendido o servizo ata novo aviso.
 
O alcalde de Ames, Jose Miñones, realizou un chamamento á cidadanía "sobre a importancia de evitar saídas innecesarias para poder frear a curva de propagación deste virus", lembrando que "a recomendación é clara, non saír de casa, porque está nos nosos actos e na nosa actitude lograr parar os contaxios. Estamos ante unha situación grave de crise sanitaria polo que apelamos á responsabilidade individual de toda a cidadanía”.
 
Sancións por incumprimento das medidas
As infracción moi graves sancionaranse con multas de 30.001 a 600.000 euros. Aquí inclúense todos os incumprimentos que supoñan unha especial perigosidade para a seguridade xeral das persoas e os bens.
 
As infraccións graves sancionaranse con multas de 1.501 a 30.000 euros. Incumprimentos que supoñan perigosidade para a seguridade xeral das persoas e bens, en menor grado.
 
As infraccións leves sancionaranse con multas de ata 1.500 euros. Dentro das infraccións leves están os incumprimentos que non supoñan unha especial transcendencia para a seguridade xeral das persoas e os bens.
 
O delito de desobediencia aos axentes da autoridade ou ao persoal de seguridade privada castígase con pena de un a tres meses de cárcere. O de atentado contra a autoridade, que contempla agresións, intimidación grave ou violencia contra estes axentes da autoridade, prevé penas de ata catro anos de prisión. O persoal sanitario inclúese entre os axentes de autoridade.
 
Control de cumprimento das medidas
Desde o Concello infórmase que mentres dure o estado de alarma farase un control de cumprimento das medidas e denunciarase a quen as incumpran.
 
Jose Miñones agradece á cidadanía o cumprimento maioritario que se está a facer en Ames e agradece a implicación e compromiso da Policía Local e Garda Civil, por "manter a orde ante a emerxencia que está a sufrir o país, ademais dos servizos de limpeza, e a todo o persoal sanitario".
Imaxe de arquivo dun control feito pola Policía Local