Solapas principales

A Policía Local de Ames colabora na campaña da DXT de control especial sobre distraccións ao volante

Lunes, 16 de septiembre de 2019

O Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña de control especial sobre distraccións ao volante, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro 22 de setembro. A Policía Local de Ames colaborará no control da vixilancia de factores como o uso indebido do móbil, navegadores GPS ou outros dispositivos. Asemade, esta semana entra en funcionamento tamén o radar para a campaña de velocidade, priorizando o seu uso en zonas escolares e aquelas outras onde se están a recibir queixas da veciñanza polo perigo que supón a velocidade á que circulan os coches.

As distraccións son un factor concorrente polo menos nun de cada tres accidentes con vítimas que se producen en vías interurbanas, fundamentalmente polo uso indebido de teléfonos móbiles, navegadores GPS ou outros dispositivos. O uso do móbil durante a condución, por exemplo, aumenta entre catro e seis veces o risco de accidente. Fumar e conducir, o sono ou a fatiga son outros factores de risco.

Co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, o Concello de Ames súmase a esta nova campaña da DXT e a Policía Local será a encargada de exercer o control da vixilancia, ademais de aportar consellos útiles á cidadanía. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames terá que enviarlle un informe sobre os resultados obtidos á Xefatura Provincial de Tráfico.

Controis de velocidade
Tamén esta semana entra en funcionamento o uso do radar móbil no marco da campaña de vixilancia e control da velocidade. Os controis levaranse a cabo en distintos puntos do concello, para os que os axentes municipais cotan cun vehículo, cedido pola propia DXT, equipado co radar.

Búscase concienciar da importancia de circular á velocidade indicada, especialmente en espazos urbanos nos que distintos tipos de vehículos -automóbiles, motocicletas, bicicletas- comparten espazo cos peóns. Así, a realización dos controis de velocidade priorizaranse en zonas escolares e aquelas outras onde se están a recibir queixas da veciñanza polo perigo que supón a velocidade á que pasan os coches.

A Policía Local de Ames pon en marcha a campaña de vixilancia e control da velocidade

Multimedia

  • A Policía Local de Ames pon en marcha a campaña de vixilancia e control da velocidade
  • A Policía Local de Ames pon en marcha a campaña de vixilancia e control da velocidade
  • A Policía Local de Ames pon en marcha a campaña de vixilancia e control da velocidade
  • A Policía Local de Ames pon en marcha a campaña de vixilancia e control da velocidade