- Tematica
Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, xunto á concelleira de Benestar Social, Uxía García, visitou a poeta de Ames, Filomena Fraga, que cumpriu 100 anos hoxe martes 19 de maio. Filomena é veciña de Agrón e autora da obra A Cancela, publicada por primeira vez en 1995 e reeditada polo Concello de Ames en 2006. Filomena Fraga foi a primeira muller e a segunda persoa en recibir no ano 2019 a medalla do Concello de Ames. Ademais, en 2018 foi homenaxeada polo Concello de Ames no acto de conmemoración do Día Internacional das Mulleres, por ser exemplo vivo e un referente na loita pola igualdade.
A poeta de Ames e veciña da parroquia de Agrón, Filomena Fraga Rey, vén de entrar no selecto grupo de veciñas/os centenarias do concello de Ames. Esta mañá recibiu na súa casa a visita do alcalde de Ames, Blas García, e da concelleira de Benestar Social, Uxía García, que quixeron felicitala en persoas e estiveron conversando con ela. Filomena é “unha muller labrega á que lle deu por escribir un libro”, como ela mesma se ten definido en múltiples ocasións.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou de Filomena a súa vitalidade e o seu humor. “Para min, como alcalde, e para a veciñanza de Ames en xeral, é unha honra e un privilexio poder seguir desfrutando das vivencias que nos conta Filomena. É historia viva de Ames e a súa filosofía de vida é un exemplo para todos nós. O ramo que lle fixemos entrega hoxe non é un agasallo do Goberno nin do alcalde, senón un modesto xesto de cariño que lle fai Ames a unha das súas veciñas máis ilustres no día do seu centenario”.
Segundo ten explicado en moitas ocasións, durante a súa infancia apenas puido asistir á escola, pero aprendeu a ler e pasaba o tempo lendo a obra Áncora da salvación, do xesuíta José Mach, o único libro que había na súa casa. Filomena Fraga é todo un referente na loita pola igualdade entre homes e mulleres. Con catorce anos comezou a traballar nunha casa na aldea do Portanxil da que marchou por negarlle un aumento de soldo por traballar o mesmo que os homes. Posteriormente, marchou ao concello de Negreira, onde pasou a traballar en mellores condicións na casa do médico Manuel Negreira.
Cómpre destacar tamén o seu papel como activista na renovación educativa. En 1974 asistiu a unha xuntanza en Valladolid, como membro do Colexio Familiar Rural de Negreira, onde denunciou a situación de atraso que vivía o rural galego. Ademais, militou no Sindicato Agrario Galego.
Publicación da obra A Cancela
En 1995 publicou a súa primeira obra, A Cancela, animada por Suso de Toro e costeando a primeira edición cos seus aforros. O volume inclúe poesía e vivencias persoais. Esta obra foi reeditada en 2006 polo Concello de Ames.
No acto de homenaxe feito a Filomena, o 8 de marzo de 2018 polo Día Internacional da Muller, o escritor, guionista e profesor, Suso de Toro, destacaba “Filomena foi unha persoa que, por circunstancias da vida, desde sempre non se conformou co rol de ficar na casa e atender eses traballos. Tamén tivo unha vida pública desde hai moitos anos. E naquel mundo, Filomena comportábase cunha grande dignidade e autoridade moral, con toda a seguridade e confianza que lle daba ser ela, saber que tiña dereito ás cousas que lle pertencían”.
Suso de Toro engadía “tiña un profundo sentido do seu orgullo persoal e un sentido democrático da sociedade. Filomena para min sempre foi unha exemplificación da elegancia persoal, do orgullo individual, do sentido da dignidade profundo, dun saber á propia valía e non agochala e, sobre todo, unha muller que é coraxe. Nun tempo no que tiñamos que ser servís e baixar a cabeza, ela non sería rica e poderosa, máis tiña dignidade e levaba a cabeza ben alta”.
Por outra banda, en 2010 participou no documental Señora de, dirixido por Patricia Ferreira. Filomena foi unha das protagonistas deste premiado documental, que mostra os testemuños de varias xeracións de mulleres ás que a sociedade non lles permitiu soñar. Os testemuños recollidos na película Señora de son variados e amosan un amplo espectro de mulleres de diferentes clases sociais e con diferentes tipos de educación.
Recoñecementos do Concello de Ames
No ano 2018, o Concello de Ames realizoulle un acto de homenaxe a Filomena Fraga, que estivo acompañada de amigos/as e familiares, coincidindo co acto de conmemoración do Día Internacional das Mulleres, por ser exemplo vivo e un referente na loita pola igualdade. A propia Filomena Fraga dixo “sentirse moi emocionada” e engadiu “eu sei que este acto mo facedes porque me queredes ben”.
Un ano despois, en xullo de 2019, no acto do Día de Galicia, Filomena foi distinguida coa medalla do Concello de Ames, sendo así a segunda persoa en recibila despois de Ángel Carracedo que a recibiu en 2018, e sendo a primeira muller de Ames en dispor de dita distinción.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "A poeta de Ames celebra os 100 anos"
La Voz de Galicia: "Filomena Fraga, a poeta de Ames, amosa a súa vitalidade e humor no seu centenario"
amsGO!: "A poeta de Ames, Filomena Fraga, cumpriu os 100"
Lindeiros: "A poeta de Ames, Filomena Fraga, é centenaria"
Diario de Santiago: "A poeta de Ames, Filomena Fraga, é centenaria"








