Solapas principales

A poboación do concello de Ames sitúase nos 32.115 habitantes

Sábado, 28 de mayo de 2022

Segundo os datos provisionais que manexa o Concello, a través do padrón municipal, a poboación de Ames a 1 de xaneiro de 2022 sitúase en 32.115 habitantes (15.467 homes e 16.648 mulleres). Estes datos son provisionais xa que están pendentes de aprobación por parte do INE. Deste xeito, producíronse 1.620 altas no censo por cambio de residencia e 207 altas por nacemento. Ademais, ao longo do exercicio 2021 houbo 1.533 baixas por cambio de residencia e 172 baixas por defunción. Por último, cómpre salientar que se producíronse 747 cambios de domicilio dentro do termo municipal.

Ao longo do exercicio 2021 a poboación no concello de Ames incrementouse lixeiramente sumando 122 novos veciños e veciñas. Segundo os datos provisionais que manexa o Concello, a través do padrón municipal, a poboación de Ames a 1 de xaneiro de 2022 sitúase en 32.115 habitantes (15.467 homes e 16.648 mulleres), dos que unha maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo da mocidade, garantindo así o futuro demográfico do concello.

Tendo en conta os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE), o concello de Ames contaba a 1 de xaneiro de 2021 cun total de 31.993 habitantes (15.379 homes e 16.614 mulleres), o que supón que se sumou 122 habitantes máis. Fronte á baixada de poboación rexistrada en Galicia que amosan os datos do INE, Ames mantén a súa poboación e incrementa lixeiramente o censo municipal mantendo a tendencia das últimas dúas décadas.

Deste xeito, producíronse 1.620 altas no censo por cambio de residencia e 207 altas por nacemento. Ademais, ao longo do exercicio 2021 houbo 1.533 baixas por cambio de residencia e 172 baixas por defunción. Por último, cómpre salientar que se producíronse 747 cambios de domicilio dentro do termo municipal.

Reparto da poboación por localidades e parroquias
En Bertamiráns e no Milladoiro residen 22.231 habitantes, que representa o 69,22% da poboación. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 13.352 habitantes censados (41,57% da poboación), mentres que en Bertamiráns están censados 8.879 persoas (27,64% da poboación).

Os 9.884 habitantes restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. En Agrón hai censados 354 habitantes; na Ameixenda 324 habitantes; en Ames 1.546 habitantes; en Biduído 1.656 habitantes; en Bugallido 1.577 habitantes; en Covas 1.041 habitantes; en Lens 89 habitantes; en Ortoño 2.607 habitantes; en Piñeiro 236 habitantes; en Tapia 113 habitantes; e en Trasmonte 341 habitantes.

Paridade en canto a sexos
Con todos os datos enriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen tres puntos e medio de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 15.467 homes, que representa o 48,16% da poboación, mentres que elas son 16.648 e representan o 51,84%.

O alcalde de Ames, Blas García, móstrase satisfeito “polo incremento poboacional que segue mantendo o concello de Ames. Iso quere dicir que a poboación doutros concellos segue elixindo Ames para vivir. Aínda que dito incremento poboacional non é tan significativo como anos atrás, Ames segue sendo un concello no que hai un gran número de nacementos ao longo do ano e segue mantendo a tendencia de ir sumando novos habitantes ao padrón municipal, cando a maior parte dos concellos galegos perden demografía. O obxectivo é seguir prestando uns servizos de calidade á veciñanza de Ames”.

Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.

En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabiliza un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres). A 1 de xaneiro de 2021 o INE indica que Ames quedaba a 7 habitantes dos 32.000, sumando un total de 31.993 habitantes (15.379 homes e 16.614 mulleres).

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El censo amiense crece de nuevo y llega a 32.115 personas, según datos del Concello"

El Correo Gallego: "A poboación amiense situose a 1 de xaneiro en 32.115 habitantes"

A poboación do concello de Ames sitúase nos 32.115 habitantes