- Tematica
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu este venres, 8 de maio, ás 20.00 horas, a inauguración da exposición pictórica “Arquitecturas Internas”, da artista galega Silvia G. Armesto. Unha mostra na que se recollen os últimos traballos da pintora realizados en pastel, óleo e acuarelas. A exposición, que comezou o pasado luns 4 de maio, estará aberta ao público ata o vindeiro venres 15 deste mes. No acto de inauguración participaron o alcalde, Blas García, e concelleiros/as do Goberno municipal.
O Concello de Ames, no seu compromiso coa arte, acolle estes días a exposición pictórica “Arquitecturas Internas”, da pintora barcelonesa afincada en Santiago de Compostela, Silvia G. Armesto. Deste xeito, a obra da artista, que está exposta no Pazo da Peregrina dende o pasado luns 4 de maio, inaugurouse no mesmo emprazamento este venres, 8 de maio, ás 20.00 horas.
“Arquitecturas internas” é unha mostra do traballo recente de Silvia G. Armesto. Unha antoloxía de pezas elaboradas nas técnicas de pastel, óleo e acuarelas, respectivamente, dende unha mirada interior e as arquitecturas que nos envolven e marcan as nosas vidas, en sintonía coa pintura figurativa-expresionista que tanto caracteriza á pintora.
O interior dunha palloza ou o devastador escenario dunha franxa de Gaza esnaquizada son algunhas das mostras máis representativas deste traballo que non busca a copia fiel da realidade, senón que proxecta estados de ánimo e experiencias vitais. A composición e a estrutura razoada son o eixo no que xira a mensaxe emocional que busca transmitir a artista.
Silvia G. Armesto
Silvia G. Armesto é licenciada en Belas Artes pola Universitat de Barcelona e a súa vida artística está marcada por un traxecto itinerante por varios países europeos antes de establecerse en Santiago de Compostela hai uns anos. É unha artista que combina o rigor compositivo coa liberdade emocional e conta con máis de vinte mostras individuais e trinta colectivas ás súas costas.
Recentemente, as súas exposicións foron vistas na Fundación Araguaney e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés, en Santiago, e conta cunha exposición permanente no BCM Art Gallery de Barcelona. Ademais, Silvia G. Armesto tamén é moi activa no eido educativo, impartindo obradoiros de pintura e debuxo en centros socioculturais.
















