Solapas principales

As persoas maiores serán as protagonistas da charla impulsada pola Cruz Vermella sobre a prevención de roubos e estafas

Sábado, 01 de junio de 2019

O local JUPEMI do Milladoiro acollerá o mércores 5 de xuño unha charla sobre a prevención de roubos, estafas e abusos en persoas maiores a partir das 20.30 horas. A iniciativa, apoiada en Ames pola Concellaría de Servizos Sociais, está organizada pola Cruz Vermella ao abeiro do seu programa provincial Bo trato ás persoas maiores: promoción do trato adecuado e protección fronte ao maltrato. O encargado de impartir o faladoiro será Luís López, sarxento da Garda Civil, que ofrecerá información sobre este tipo de accións delitivas e ofrecerá unha serie de consellos para evitar que os maiores caian vítimas deste tipo de estafas. A charla realizarase tamén en Bertamiráns o 19 de xuño.

O principal obxectivo desta actividade é sensibilizar á poboación sobre algúns dos problemas cos que se encontran as persoas maiores e promover un trato correcto e xusto para con elas. Para elo, o sarxento da Garda Civil, Luís López, porá o aceno nunha cuestión tan cotiá como son as estafas e abusos que se dirixen aos maiores, ao tempo que tentará ofrecer unha serie de consellos para evitar caer neste tipo de accións. Tamén se ofrecerá información sobre algúns dos roubos, estafas e timos máis comúns e poranse exemplos de como se desenvolven.

Ao longo da tarde, ofreceranse tamén unha serie de consellos encamiñados a previr ou evitar caer neste tipo de situacións, entre elas a aplicación “AlertCops”, un servizo de alertas de seguridade cidadá deseñado polas forzas de seguridade estatais para facilitar a atención en situacións de risco. Os e as asistentes poderán expoñer as súas vivencias e consultar todas as dúbidas que lles xurdan. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo. As persoas que non poidan acudir nesta ocasión terán unha segunda oportunidade o mércores 19 ás 17.30h na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Promoción do trato adecuado e protección fronte ao maltrato
Este faladoiro, titulado Prevención de roubos, estafas e abusos en persoas maiores, está organizado pola Cruz Vermella ao abeiro do seu programa provincial Bo trato ás persoas maiores: promoción do trato adecuado e protección fronte ao maltrato. Esta iniciativa ten como obxectivo o de promover e sensibilizar á poboación, en especial ás persoas maiores de 65 anos, sobre o trato adecuado e o recoñecemento dos seus dereitos, para evitar que estes sexan vulnerados.

Asemade, mediante diversas accións, a organización busca apoiar e acompañar aos maiores que se atopan en situación e trato inadecuado ou maltrato para superar esa etapa a través de charlas, talleres, apoio psicosocial, mediación e/ou asesoramento; así como previr este tipo de situacións mediante a capacitación e empoderamento dos maiores.

Así, ao abeiro deste programa, tense previsto desenvolver unha segunda charla en Ames sobre a protección xurídica dos maiores. Titulada Pensa no teu futuro... decide ti, ofrecerase información sobre as medidas de protección xurídica que poden ser adoptadas con respecto ao futuro, como poden ser a tutela, curatela, testamento vital, autoinstrucións, garda de feito, patrimonio protexido ou hipoteca inversa, entre outros conceptos. O encargado de conducir este faladoiro, para o que aínda non hai unha data pechada, será un xuíz xubilado do Tribunal Contencioso-Administrativo da Coruña.

As persoas maiores serán as protagonistas da charla impulsada pola Cruz Vermella sobre a prevención de roubos e estafas

Multimedia

  • As persoas maiores serán as protagonistas da charla impulsada pola Cruz Vermella sobre a prevención de roubos e estafas
  • As persoas maiores serán as protagonistas da charla impulsada pola Cruz Vermella sobre a prevención de roubos e estafas