Solapas principales

Paulo Calvo, Nazaret López e Xosé Antón López Silva formarán o xurado do XVII Certame Literario do Concello de Ames

Lunes, 29 de junio de 2020

Xosé Antón López Silva dá clases de latín en secundaria e é tradutor, crítico e editor. Paulo Calvo é profesor de Economía e Matemáticas e escritor. Nazaret López traballa como xornalista no departamento de Comunicación do Concello de Ames e é dramaturga e escritora. Os tres viven en Ames e serán os encargados de xulgar os 65 traballos que se presentan á XVII edición do Certame Literario de Ames. Unha edición estraña por mor da COVID-19 que obrigou a pospoñer prazos de entrega e resolución. O 19 de xuño pechouse a recepción de orixinais e o 30 de setembro farase pública a resolución do xurado. A entrega de premios realizarase, se as circunstancias o permiten, o mes de outubro.

José Antonio López Silva, Paulo Calvo e Nazaret López compoñen o xurado que avaliará os 65 traballos presentados este ano ao Certame Literario Concello de Ames. Ao pé desta nova pódese consultar a listaxe con pseudónimo e título de todos os traballos presentados en cada unha das modalidades e categorías.

Xosé Antonio López Silva é profesor de latín, traductor, editor e crítico literario para revistas como Grial ou Vísperas. Traduciu, entre outros, a Crónica do historiador galaico-romano Idacio de Claves 2004), a comedia plautina Los gemelos, e Electra, de Sófocles, así como El libro de cocina de Alice B. Toklas. Como editor publicou a antoloxía de relatos breves de Álvaro Cunqueiro De Santos y Milagros, con prólogo de César Antonio Molina. Na actualidade dá clases de latín no IES de Bertamiráns e colabora co programa “Sinfonía de la mañana”, de Radio Clásica RNE.

O profesor de Economía e Matemáticas no ensino secundario, Paulo Calvo publicou o ano pasado a súa primeira novela, A Maldición de San Brandán, na colección xuvenil Costa Oeste da editorial Galaxia. Anteriormente, recibiu premios en certames como o de microrrelatos de Panxea; o certame do Centro Galego de Frankfürt e nos Sonigramas do Diario Cultural da Radio Galega. Ademais, colaborou cunha serie de relatos curtos de xénero fantástico no libro Contos estraños. Segunda era.

Desde mediados dos anos oitenta, Nazaret López traballa como xornalista en medios escritos (El Progreso, La Voz de Galicia), radio (Cadena SER, COPE, Ondas Galicia, Radio Minuto e Radio Galega) e televisión (TVE e TVG). Directora, redactora, guionista, editora, directora e presentadora de programas como “Galicia Para el Mundo”, “Galeguidade”, “A Noite Encantada”, “Con Música Propia” ou “Demasiado Corazón”, López compaxina o seu labor nos medios de comunicación co teatro, dando clases, escribindo e dirixindo para compañías profesionais e grupos de teatro amador. Ten publicado relatos en diversas antoloxías. Na actualidade traballa no departamento de Comunicación do Concello de Ames. "Formigas nos pés" (Xerais, 2019) é a súa primeira novela.
 
Para a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, malia a ser este un ano atípico, os traballo recibidos no marco do Certame Literario demostran a vitalidade da creatividade en lingua galega. Ademais, agradece o interese por esta convocatoria tanto dos medios como das persoas participantes.
 
O prazo de entrega de traballos ao XVII Certame Literario do Concello de Ames interrompeuse o 14 de marzo, o mesmo día que se declarou o estado de alarma por mor da Covid-19, debido á suspensión decretada dos prazos administrativos. O computo do prazo de presentación de traballos reiniciouse o 1 de xuño, día en que se derrogou a devandita suspensión de prazos administrativos publicada no BOE do 23 de maio de 2020. O 19 de xuño finalmente pechouse o prazo de entrega. A resolución do xurado farase pública o 30 de setembro de 2020. A entrega de premios realizarase, se as circunstancias o permiten, o mes de outubro.

Cartaz Certame Literario 2020