Solapas principales

A parroquia de Agrón celebra as súas festas os días 10, 11 e 12 de agosto

Miércoles, 09 de agosto de 2023

Dende este xoves e ata o vindeiro sábado, 12 de agosto, a parroquia de Agrón celebra a súa festividade na honra de San Lourenzo, o Santísimo Sacramento e San Roque. Durante os vindeiros días haberá misas e procesións, así como verbenas e sesións vermú. Estas festas contan coa colaboración do departamento de Cultura do Concello de Ames, a través do seu programa “Música nas parroquias”.

A parroquia de San Lourenzo de Agrón comeza este xoves, 10 de agosto, as festas na honra do seu patrón, San Lourenzo, o Santísimo Sacramento e San Roque. As celebracións estenderanse ata o sábado 12 de agosto e vanse desenvolver no campo da festa da parroquia.

Durante a primeira xornada das festividades, na honra de San Lourenzo, desenvolverase unha misa solemne a partir das 13:00 horas. A continuación haberá sesión vermú a cargo da orquestra La Favorita. Xa pola noite, a veciñanza poderá gozar dunha verbena coa presenza da mesma orquestra e a disco móbil Chocolate.

As festas continuarán o venres 11, ás 13:00 horas, cunha misa cantada pola coral “Lojo Batalla” de Tapia. Esta actuación é froito da colaboración do Concello de Ames, a través do programa “Música nas parroquias”. Seguidamente haberá sesión vermú co trío Alborada, que tamén ofrecerá unha actuación esa mesma noite, acompañado pola disco móbil CDC.

Por último, o sábado 12 pecharanse as festas cunha nova misa na honra de San Roque. Deseguido, ofrécese unha sesión vermú co dúo Reflejos. A xornada rematará cunha verbena na que tamén participará o dúo Reflejos, xunto coa discoteca móbil Premium.

Programa “Música nas parroquias”
“Música nas parroquias” é unha aposta da concellaría de Cultura por recuperar as festas das parroquias do concello de Ames. Trátase dun programa vivo que inclúe a numerosos grupos musicais e agrupacións tradicionais, que pasarán polas parroquias amesás nos meses de verán.

Baixo este paraugas xa actuou nesta edición, por exemplo, o grupo De Vacas. Ata o vindeiro mes de outubro seguirán recorrendo as diversas zonas de Ames outras bandas, como Monoulious Dop, que estará o 27 de agosto nas festas da Ameixenda.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Agrón celebra as festas de San Lourenzo, Santísimo Sacramento e San Roque"

Cartaz das festas en Agrón de agosto do 2023