Solapas principales

A palilleira amesá Ana Rosa Lista imparte clases de encaixe galego popular no centro social A nosa Galicia de Xenebra

Sábado, 12 de octubre de 2019

A Casa Escola Obradoiro da palilleira amesá, Ana Rosa Lista, está na actualidade impartindo clases de encaixe galego popular no centro social A Nosa Galicia de Xenebra. A palilleira amesá, que é mestra de encaixe da Xunta de Galicia, estará en Suíza ata o 22 de outubro ofrecendo este obradoiro a 17 alumnas en horario de tarde. Ademais, acudiu a semana pasada ao IES Luís Seoane, de Pontevedra, para presentar a exposición na que reproduciu 17 cadros do pintor e xornalista, Luís Seoane, feitos con mistura de encaixe e pintura. O Concello ten a intención de poder expoñer esta mostra proximamente en Ames.

A palilleira amesá Ana Rosa Lista está impartindo clases de encaixe galego popular no centro social A nosa Galicia de Xenebra. Ana Rosa é mestra de encaixe da Xunta de Galicia e neste caso está impartindo un obradoiro de encaixe de palillos en Suíza ata o vindeiro martes 22 de outubro. As clases impártense en horario de tarde e participan nel 17 alumnas.

A artista amesá, formada na Escola Holandesa do Encaixe, ten realizado cursos de mestras tan destacadas como son Mariña Regueiro e Lia Baumaister-Jonkers. Imparte aulas na Casa Escola Obradoiro Ana Rosa situado nas Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño, así como no local social da Tarroeira, na mesma parroquia, e no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Ademais tamén realiza obradoiros e charlas en diferentes puntos da xeografía galega, española e en países europeos.

Os seus traballos beben de tradicións tan dispares como a galega, a holandesa, a rusa ou a italiana, combinadas con técnicas máis modernas e novidosas. A artista amesá foi a gañadora do II Premio do 1º Concurso de deseño de Encaixe de Camariñas – Xacobeo 2010, así como do 1º Premio de Exaltación do Traxe Galego Antigo (1895) no ano 2012. Tamén participou en varias ocasións na Mostra Internacional “Rendas de Bilros” en Peniche.

Exposición no IES Luís Seoane
Ademais, acudiu a semana pasada ao IES Luís Seoane, de Pontevedra, para presentar a exposición na que reproduciu 17 cadros do pintor e xornalista, Luís Seoane, feitos con mistura de encaixe e pintura. A palilleira amesá elaborou esta exposición nos últimos tres anos, a través da cal se homenaxea a Luís Seoane polas súas obras.

Ana Rosa aproveitou a ocasión para cederlle un dos cadros desta exposición ao director do IES no que se representa unha careta pintada por Luís Seoane, xa que esta imaxe é o logotipo do centro de ensino pontevedrés de Monte Porreiro. Esta exposición estará todo o mes de outubro neste instituto, onde o 28 de outubro a artista amesá dará unha charla de como o encaixe chega a fusionarse coa pintura nesta mostra.

O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, explica que “esta exposición tamén estará exposta no concello de Ames, na sala de exposición do Pazo da Peregrinas, en Bertamiráns. Haberá que agardar a que rematen as obras de mellora da accesibilidade no Pazo e pechar con Ana Rosa as datas nas que se pode expoñer dita mostra en Ames”.

Entrega do cadro ao IES Luis Seoane

Multimedia

  • Entrega do cadro ao IES Luis Seoane
  • Obradoiro de encaixe galego popular no centro social A nosa Galicia de Xenebra
  • Obradoiro de encaixe galego popular no centro social A nosa Galicia de Xenebra