Solapas principales

Pakolas volve a Ames cun espectáculo de rock que viaxa desde a prehistoria até o futuro

Jueves, 08 de abril de 2021

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle mañá venres, 9 de abril, un concerto dirixido aos nenos e nenas de Ames nos que primará a historia, o humor e a música rock. Ás 18.00 horas, Pakolas subirase ao escenario para dar a coñecer "Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo”. O espectáculo chega a Ames da man do programa Apego que desenvolve o departamento de Normalización Lingüística. As prazas xa están todas cubertas.

Pakolas, Paco Cerdeira, é autor, compositor, músico e produtor de música pensada para os cativas e as cativas. En “Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo”, Pakolas preséntanos o seu último librodisco, publicado na colección Sonárbore da Editorial Galaxia. Neste novo traballo contase e cantase a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e que ademais posúe unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.

Así, a través das cancións e a narración, o espectáculo percorre diferentes épocas. Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume, visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento, acode ao Antigo Exipto cun tal Ramsés que lle cheiran os pés, ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time. Todo ata chegar a Benvidas ao Futuro na que cantamos por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natura.

O programa Apego
O programa Apego está dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.
É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.

Concerto de Pakolas

Multimedia

  • Cartaz Pakolas