Solapas principales

Os Socialistas de Ames presentan enmendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 por valor de 14 millóns de euros

Viernes, 07 de noviembre de 2025

O grupo municipal socialista de Ames vén de presentar un conxunto de enmendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026, co obxectivo de mellorar os servizos públicos e as infraestruturas do municipio. As propostas, que suman máis de 14 millóns de euros, inclúen actuacións prioritarias en materia de sanidade, abastecemento de auga, mobilidade, seguridade viaria e atención ás persoas maiores.

Entre as principais demandas, os socialistas destacan a ampliación do Centro de Saúde de Bertamiráns, cun investimento estimado de 3,5 millóns de euros. Trátase dunha actuación urxente, dado que o centro atende a máis de 15.000 pacientes e presenta graves deficiencias estruturais e de accesibilidade.

En materia de servizos sociais, o grupo socialista propón a construción dun Centro de Día e dunha Residencia de Maiores en Ames, cun orzamento de 5 millóns de euros, para dar resposta á elevada demanda existente nun concello que supera os 30.000 habitantes e que carece de instalacións públicas deste tipo.

Outras actuacións destacadas son:
    • Construción dunha nova canalización de abastecemento entre a potabilizadora de Lens e O Milladoiro (2 millóns de euros).
    • Proxecto de saneamento e abastecemento das parroquias de Piñeiro e Tapia, compartido co Concello da Baña (1 millón de euros).
    • Mellora da seguridade viaria na estrada Roxos–Portomouro (AC-453), con beirarrúas e actuacións de protección para peóns (1,5 millóns de euros).
    • Creación dunha senda peonil no lugar de Piñeiro ata o límite con Val do Dubra (250.000 euros).
    • Recuperación do entorno da Ponte Maceira, Ben de Interese Cultural (500.000 euros).
    • Mellora do transporte metropolitano que conecta Ames con Santiago de Compostela (350.000 euros).

O voceiro socialista e vicesecretario xeral, Víctor Fernández, salientou que “estas enmendas buscan que se recompense o modelo de xestión de Ames, que fai que o concello medre ano tras ano. Precisamos investimentos á altura das nosas necesidades, e estas propostas son un paso firme nesa dirección”.

Con estas achegas, os socialistas de Ames pretenden que o Goberno galego asuma o seu compromiso coa veciñanza e inclúa estas actuacións nos Orzamentos de 2026, garantindo servizos públicos de calidade e infraestruturas seguras e sostibles.

Os Socialistas de Ames presentan enmendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 por valor de 14 millóns de euros