O Grupo Municipal Socialista de Ames levará ao vindeiro pleno unha moción para instar á Xunta de Galicia a cumprir coas súas competencias en materia educativa e acometer de maneira inmediata as actuacións necesarias nos centros do municipio. Os socialistas lembran que xa no pasado mes de febreiro se presentou unha iniciativa para reclamar a substitución integral da cuberta do CEIP A Maía, proposta que foi aprobada pero que non chegou a converterse en Declaración Institucional ao non contar co consenso necesario.
Desde o grupo municipal recordan que no actual mandato 2023-2027, tanto o goberno local socialista como os distintos grupos da corporación, así como as ANPAs e as direccións dos centros, veñen reclamando de forma reiterada investimentos e intervencións que garantan unhas condicións educativas dignas e de calidade para todo o alumnado. É dicir, trátase dun clamor da comunidade educativa amesá e non dun capricho político.
Neste sentido, sinalan que, malia que a Xunta de Galicia cifrou en 16 millóns de euros o investimento realizado en Ames, este responde á necesidade de novos centros debido ao forte crecemento demográfico do concello, que duplicou a súa poboación desde o ano 2000. Por iso, consideran que se trata dun esforzo xustificado que non pode servir como escusa para desatender outras necesidades básicas.
Desde o grupo socialista advirten de que a situación actual dos centros educativos presenta carencias inaceptables que afectan directamente á calidade do ensino, á seguridade das instalacións e á igualdade de oportunidades do alumnado. Fan referencia a problemas como as filtracións no CEIP A Maía, as deficiencias nas condicións do comedor escolar do CEIP de Ventín, a falta de accesibilidade no CEIP de Barouta por non contar cun ascensor, ou a presenza de obras sen rematar na escola infantil do Milladoiro.
Os socialistas consideran que existe unha falta de planificación por parte da administración autonómica, xa que as incidencias adoitan ser atendidas unicamente cando acadan visibilidade pública e se converten en situacións insostibles. Por iso, reclaman unha resposta inmediata que permita resolver de maneira definitiva estas deficiencias. A moción tamén recolle o compromiso do Concello de Ames de seguir colaborando no mantemento das infraestruturas educativas dentro do ámbito das súas competencias.
Desde o PSdeG-PSOE de Ames insisten en que garantir unhas condicións axeitadas nos centros educativos é unha responsabilidade irrenunciable da Xunta de Galicia e fan un chamamento a que se atendan de maneira urxente as demandas da comunidade educativa do concello.




