Solapas principales

Os “Seráns de Tapia” arrancan este xoves 1 de xullo co monólogo de Avelino González

Miércoles, 30 de junio de 2021

O novo programa “Seráns de Tapia”, organizado pola Concellaría de Cultura, coordinado polas Bibliotecas Municipais, e en colaboración coa Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística arranca este xoves co monólogo de Avelino González titulado “Contos de Contrabando”.

A Praia Fluvial de Tapia vai ser o escenario do programa máis ambicioso do verán, e que chega da man da Concellería de Cultura. “Seráns de Tapia” vaise inaugurar mañá ás 19.30 horas co pregón realizado por Manuel Otero Boquete. O músico, narrador e veciño da parroquia de Tapia será o encargado de iniciar os seráns e inundar de retranca as ribeiras do Tambre.

Tras a inauguración os asistentes poderán gozar dun monólogo de Avelino González titulado “Contos de contrabando”. O actor vigués vai contar contos que liu, que viu, que lle gustaron e que agora quere recomendar para que cada quen faga a súa propia versión. A sesión dirixida a un público adulto persegue que tras o monólogo visitemos as bibliotecas para empaparnos con eses libros.

O peche da primeira xornada vaina poñer a música das rumbas, muiñeiras e pasodobres do grupo de gaitas da parroquia de Bugallido “Airiños do paseo de Colón”. As gaitas e os tambores encherán este espazo natural con pezas como Monforte, O limón ou Estreliña.

Todas as actividades son de balde e non é preciso convite ou inscrición previa.

A vindeira semana as voces femininas van ser as protagonistas dos “Seráns de Tapia”. O xoves 8 os seráns darán comezo ás 17:30 con Bibiana Calvo e Divina Fernández e o seu Conto Contiño. Tras elas chega a quenda de Charo Pita e o seu Andar os Biosbardos. Vero Rilo e Sonsoles Penadique trasladarannos ao pasado coas súas Lavandeiras e rematará Soledad Felloza e as súas Estrelas.

Todos os xoves de xullo e agosto a Praia Fluvial de Tapia acollerá actividades de teatro, literatura, concertos e monólogos. Podedes consultar a programación completa premendo nesta ligazón.

Seráns de Tapia

Multimedia

  • Seráns de Tapia
  • Seráns de Tapia