Solapas principales

Os Seráns de Ames chegan ao remate da súa quinta edición

Miércoles, 03 de septiembre de 2025

Na súa quinta edición, os “Seráns de Ames”,  chegaron ás as parroquias de Ortoño, Covas e Transmonte. Ao longo das seis sesións que conformaron os seráns deste ano, a acollida entre a veciñanza foi positiva, contando cunha boa resposta do  público ao longo de tódalas xornadas. Pódese acceder á galería dos seráns na seguinte ligazón

O programa de verán “Seráns de Ames” orixinalmente naceu no 2021 como os ‘Seráns de Tapia’ ofrecendo só espectáculos na praia fluvial de Tapia. Paulatinamente, foi medrando e trasladándose a outras parroquias do rural, apostando por diversificar as propostas culturais de Ames a diferentes localizacións do concello. 

A iniciativa, organizada polos departamentos de Bibliotecas, Mocidade, Cultura e Normalización Lingüística, ofreceu ao longo dos meses de xullo e agosto, un total de seis propostas en cinco parroquias do rural amesán, nas que se combinaron actividades musicais, teatrais, de circo e xogos para todo tipo de públicos. Nesta edición, as localizacións nas que se desenvolveron os seráns foron a praia fluvial de Tapia, a carballeira de Bugallido, e os campos da festa de Ortoño, Covas e Trasmonte. 

Programación dos Seráns de Ames 2025
Os seráns deron comezo, un ano máis, na praia fluvial de Tapia o pasado xoves 3 de xullo co pregón inaugural, que estivo a cargo Inés Suárez, cantante do grupo As Maianas, e co espectáculo de circo, dirixido a público infantil, ‘Ghop! Teatro ao cubo’. O xoves 10, ás 20.00 o campo da festa de Ortoño estreouse nos seráns coa actuación musical ‘Lembra Xabarín’, unha proposta que invitou ao público a rememorar a época do Xabarín Club para os adultos e descubrilo para os máis pequenos. 

O xoves 17 de xullo, foi a quenda de Covas, outra das parroquias que tamén se estreaban neste programa. Esta xornada contou con dúas propostas frescas e xuvenís, protagonizadas por xente nova. Por unha banda o concerto do grupo de mozos amesáns Teen, e, por outra, o grupo Ginko Biloba.

A actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas foi a encargada de abrir a programación no mes de agosto, coa estrea de Trasmonte nos Seráns o pasado xoves día 14. A continuación, a carballeira de Bugallido acolleu na sesión do xoves 21, o espectáculo formado polas ex-integrantes de Leilía, Montse Ribera e Mercedes Prieto, As Armadanzas “Do Courel ao Condado”. 

E, de novo, a praia fluvial de Tapia foi o escenario escollido para a derradeira xornada dos “Seráns de Ames”. O pasado xoves 28 de agosto, pechouse o programa coa proposta de 'Xogos miudiño', dirixida para as crianzas, e o concerto de Mary Iglesias, gañadora do Canta con Ames na categoría xuvenil na edición do 2022. 

Os Seráns de Ames chegan ao remate da súa quinta edición

Multimedia

  • Os Seráns de Ames chegan ao remate da súa quinta edición
  • Os Seráns de Ames chegan ao remate da súa quinta edición
  • Os Seráns de Ames chegan ao remate da súa quinta edición
  • Os Seráns de Ames chegan ao remate da súa quinta edición
  • Os Seráns de Ames chegan ao remate da súa quinta edición