Solapas principales

Os Reis Magos recibiron preto de 1500 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis

Jueves, 05 de enero de 2023

Ames está preparada para recibir esta tarde aos Reis Magos de Oriente na Gran Festa de Reis. Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán coas súas cabalgatas as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns dende as 17:00 horas e as 19:00 horas respectivamente. A comitiva real formada por tres carrozas, cen nenos e nenas e un gandeiro repartirá entre a veciñanza máis de 250 quilos de caramelos. A festa culminará nos pavillóns municipais onde pequenos e maiores van despedir aos Magos de Oriente cunha merenda e cunha actuación musical. Os Magos participarán nas cabalgatas logo de percorrer, esta mesma mañá, as once parroquias de Ames escoitando os desexos da cativada e enchendo o concello de maxia e ilusión. Ao que hai que sumar as recepcións nos pavillóns. Ao longo do martes e do mércores Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron a visita de máis de 800 familias.

Os Reis Magos recibiron a máis 1300 nenos e nenas de Ames nas recepcións levadas a cabo nos pavillóns municipais ao longo do martes 3 de xaneiro e do mércores 4 de xaneiro. Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron tanto no pavillón do Milladoiro coma no de Bertamiráns recollendo as cartas e os desexos da cativada amesá dende as 11:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. As súas Maxestades ofrecéronlle aos pequenos e pequenas unha chave máxica que permite acceder a todos os domicilios de Ames, e que debe ser colocada nas casas a noite de Reis. A cativada amesá sorprendeuse coa decoración dos pavillóns nos que hai instalada unha haima xigante dentro da que se atopan os tronos dos Magos. Ademais, ao longo das dúas xornadas trasladáronlle aos Magos os seus desexos e peticións e, sobre todo, a ilusión coa que esperan o momento de erguerse e descubrir os agasallos debaixo da árbore. Pola súa banda; Melchor, Gaspar e Baltasar aproveitaron para trasladarlle aos pequenos e pequenas o seu agradecemento e tamén as súas preferencias para o petisco que lle deixen esta noite para repoñer forzas despois de tanto traballo.

Ao longo desta mañá Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron todos os recunchos do concello. Visitaron os locais sociais das once parroquias de Ames para que tanto os cativos e cativas dos núcleos urbanos como os do rural puideran velos. Desta maneira, os Magos de Oriente comezaron o seu percorrido para recoller os desexos de pequenos e maiores na Ameixenda e Cruxeiras ás 10:00 horas. A continuación, ás 10:30 horas, visitaron o local social de Aguapesada para seguir espallando a súa maxia e ilusión. Melchor, Gaspar e Baltasar seguiron o seu percorrido ás 11:00 horas en Piñeiro e Covas. Media hora máis tarde, ás 11:30 horas visitaron Tapia e Ortoño onde os paxes aínda recolleron cartas de última hora. Ás 12:00 horas foi a quenda dos nenos e das nenas da parroquia de Lens. Seguidamente, ás 12:30, tocoulles pasar por Agrón e Bugallido onde as súas Maxestades escoitaron as peticións da cativada e mesmo unha panxoliña. Xa ás 13:00 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar achegáronse á parroquia de Transmonte para rematar o seu percorrido ás 13:30 horas en Biduído.

A Gran Festa de Reis culminará con dúas cabalgatas
Para finalizar a Gran Festa de Reis, esta tarde celebraranse dúas cabalgatas, nas que participarán preto de cen nenos/as e mozos/as, divididos en tres carrozas, e nas que se repartirán 250 quilos de caramelos. Ademais, xunto aos Reis viaxará un gandeiro da cooperativa CLUN para distribuír bolsas de lambetadas.

A primeira das cabalgatas terá lugar no Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. A comitiva real sairá da rúa Agriños, proseguirá pola Travesía do Porto – Rúa Pardiñeiros – Agro do Medio - Rúa de Abaixo – Rúa Raxoeira – Rúa Anxeriz – Rúa Cruxa – Agro do Medio - Rúa Cereixeiros – Travesía do Porto. Ao rematar, as súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade, arredor das 18:30, onde se despedirán e darán paso á actuación da artista María Fumaça. Ademais, os asistentes poderán desfrutar de rosca con chocolate e de batidos doados por CLUN.

Os Reis desprazaranse tamén ata Bertamiráns, onde a cabalgata se celebrará de 19:00 a 20:00 horas. As carrozas sairán da estrada de Lapido, á altura do 108; a continuación proseguirán por Avenida da Maía – Travesía do Pedregal – Rúa Pedregal – Avenida da Maía – Avenida da Peregrina ata rematar no pavillón. Igualmente, haberá un fin de festa no pavillón municipal, de 20:30 a 21:30, e tamén se poderá desfrutar da rosca con chocolate e dos batidos de CLUN. Así mesmo, haberá unha actuación da man de Pesdelán.

Para evitar retencións desaconséllase a circulación de vehículos durante as cabalgatas polas rúas e nas horas anteriormente indicadas tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Máis de 1.300 rapaces nas recepcións dos Reis Magos"

Máis de 30 nenos e nenas visitaron aos Reis Magos en Bugallido

Multimedia

  • Vista dos Reis Magos a Ortoño
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1500 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1500 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Embedded thumbnail for