Solapas principales

Os premios Youtubeir@s abren hoxe o prazo de inscrición nunha edición na que se repartirán 7.500 euros en premios

Miércoles, 27 de mayo de 2020

Os Premios Youtubeir@s están organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre os que se encontra o de Ames, xunto coas tres universidades galegas e a Deputación da Coruña. Nesta cuarta edición hai cambios significativos nas súas bases e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías deste ano. O obxectivo dos premios é animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, buscando incrementar e darlle visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como indica o lema deste ano.

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Baña, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, xunto coas universidades da Coruña, Santiago, Vigo e a Deputación da Coruña.

O certame está aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, autoproducidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data.

Os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de espallar o galego no Youtube animando á creación de vídeos en galego con temáticas infinitas e formatos diversos, dende vídeos musicais ata vídeos de deportes, viaxes, videoxogos, moda, cociña, horta, tecnoloxía, ecoloxía, comunicación, costura, bricolaxe, humor, ciencia, historia etc.

Ampliación de categorías e 7.500 euros en premios

Unha das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a reorganización dos premios, a ampliación das categorías e a desaparición do tempo máximo de duración das pezas para que teñan cabida todo tipo de vídeos. O ano pasado, o certame estaba dividido en oito galardóns, e este ano contémplanse doce premios diferentes: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público.

Os tres primeiros premios (mellor canle, mellor vídeo e mellor youtubeir@) terán dunha dotación de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. En total repartiranse entre as persoas gañadoras 7.500 euros en premios.

Os vídeos gañadores desta cuarta edición serán escollidos por un xurado profesional, integrado por persoas do ámbito da comunicación, do audiovisual, do xornalismo, da normalización lingüística e da música. Este ano, formarán parte do xurado Brais Romero, crítico audiovisual e director da revista “A Cuarta Parede”; Matías Tarrío, xornalista, redactor e director de programas de televisión; Rosa Moreiras, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Xoana, compositora e cantante; e a xornalista audiovisual Mabel Montes. O xurado decidirá a relación de finalistas en cada apartado con anterioridade ao acto de entrega e non poderá deixar deserta ningunha das categorías.

O premio do Público

O único galardón que non decidirá en exclusiva o xurado será o premio do Público. Nesta cuarta edición, serán os/as seguidores/as quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer neste apartado. As propostas poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s á que podes acceder premendo neste enlace. Estes vídeos cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e as propostas terán que realizarse antes do 23 de outubro de 2020.

Entre o 2 e o 16 de novembro abrirase a través das redes sociais un formulario de votación. Os tres vídeos que reciban máis votos do público pasarán ao xurado dos premios, que ratificará a votación do público logo de comprobar que cumpre cos requisitos establecidos nas bases xerais.

O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de outubro de 2020

O prazo para inscribir os vídeos e canles no Premio Youtubeir@s abre hoxe mércores, 27 de maio de 2020, e pecharase o 23 de outubro de 2020 ás 23:59 horas. Cada participante debe inscribirse a través do formulario ao que se pode acceder premendo neste enlace, onde tamén se poden consultar as bases completas desta cuarta edición.

Os premios Youtubeir@s abren hoxe o prazo de inscrición nunha edición na que se repartirán 7.500 euros en premios

Multimedia

  • Embedded thumbnail for