Solapas principales

Os premios Lois Peña Novo recoñecen o traballo en prol do galego realizado polo Concello de Ames

Sábado, 21 de mayo de 2011

[21-05-2011] Xa se coñecen os gañadores da XVII edición dos premios Lois Peña Novo. Un dos premios recaeu no Concello de Ames polo desenvolvemento dunha política lingüística dirixida ao fomento do uso do galego nun concello cunha poboación moi nova e na que existe unha porcentaxe nada desprezable de inmigrantes, sobre todo mulleres, que exercen un papel relevante na transmisión da lingua familiar. Os outros dous premios foron para Alba Nogueira López, profesora de Dereito Administrativo da U.S.C., e Xosé Rodríguez Cruz, funcionario do Corpo Nacional de Policía na comisaría provincial de Ourense. O xurado encargado de ditaminar os galardoados estivo formado por Ramón Lorenzo Vázquez; Xosé Antón Gómez Segade; Miguel Barros Puente; María Xosé Devesa Fernández; Gonzalo Amoedo López e Carme Pérez Vaquero.

A Pousada de Soutomaior foi hoxe o escenario escollido polo xurado para ditaminar os gañadores da XVII edición dos premios Lois Peña Novo. Estes premios queren ser un recoñecemento público para todos aqueles que insiren o seu labor a prol da normalización lingüística do galego. Un dos premios recaeu no Concello de Ames, polo desenvolvemento dunha política lingüística dirixida ao fomento do uso do galego nun concello cunha poboación moi nova e na que existe unha porcentaxe nada desprezable de inmigrantes, sobre todo mulleres, que exercen un papel relevante na transmisión da lingua familiar. Polo seu dinamismo na conformación de actividades culturais orientadas aos diversos estamentos que conforman a sociedade o que fai que os usos lingüísticos se consoliden e sexan modelo para os demais concellos de Galicia.

Este premio recoñece o traballo do Concello de Ames en prol do galego. O Concello de Ames ten demostrando o seu compromiso coa lingua galega prestándolle unha atención especial ao proceso de normalización lingüística a través da galeguización dos seus servizos e poñendo en marcha programas dirixidos á poboación para conseguir a implicación de todos os colectivos neste proceso. A Administración local puxo en funcionamento o 15 de abril de 2004 o Servizo de Normalización Lingüística, que ten como obxectivos principais incrementar o uso social da lingua, contribuír á completa galeguización da Administración local e mellorar a calidade das producións lingüísticas. Deste servizo tamén se poden beneficiar todos os veciños e veciñas de Ames a través das numerosas iniciativas que desenvolve ao longo do ano. Ademais o Concello de Ames aprobou en Pleno unha ordenanza de impulso do idioma galego.

O Servizo de Normalización Lingüística realiza numerosas iniciativas co fin de desenvolver determinadas campañas de galeguización que permitan promover e impulsar o uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade. Dadas as especiais características deste concello, os ámbitos prioritarios de actuación son o da xente máis nova, o sector socioeconómico e a poboación procedente doutras realidades culturais e xeográficas. Algunhas das actividades máis recentes son o programa de Literatura na Praza co que Ames celebra o día do libro ou os certames literarios do concello.

Desde o Concello de Ames enténdese a Normalización Lingüística como un proceso de cambio no que ten que implicarse toda a sociedade e como un obxectivo transversal de todas as áreas e departamentos municipais. Por este motivo o SNL colabora con diferentes organismos e entidades, entre eles co tecido asociativo do Concello, cos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino e con outros departamentos do concello, como no caso da campaña de Calidade en Galego, que está dedicada ao pequeno comercio amienses, e na que traballa da man coa Concellería de Promoción Económica.

Premiados

O xurado desta edición dos Premios Peña Novo estivo composto por Ramón Lorenzo Vázquez, Académico da R.A.G. e premiado da edición anterior, que actuou como Presidente; Xosé Antón Gómez Segade, catedrático de Dereito Mercantil da U.S.C.; Miguel Barros Puente, editor; María Xosé Devesa Fernández, funcionaria do Concello de Valga; Gonzalo Amoedo López, escritor e membro da Fundación Lois Peña Novo que actuaron como vogais e Carme Pérez Vaquero que actuou como secretaria.

Os outros dous premios foron para Alba Nogueira López, profesora de Dereito Administrativo da U.S.C., e Xosé Rodríguez Cruz, funcionario do Corpo Nacional de Policía na comisaría provincial de Ourense. Alba Nogueira López, profesora de Dereito Administrativo da U.S.C., foi premiada pola súa traxectoria profesional no exercicio da docencia transmitindo ao seu alumnado os valores da identidade galega nun centro académico no que precisamente non prodigan exemplos de profesorado a prol da nosa lingua. Polas súas publicacións e participación en congresos e simposios nos que defende o uso do noso idioma. Considera o xurado que a súa aportación ao proceso normalizador exemplifica o papel da muller na defensa da identidade galega.

Mentres que Xosé Rodríguez Cruz, funcionario do Corpo Nacional de Policía na comisaría provincial de Ourense, obtivo un dos premios polo traballo desenvolvido ao longo de moitos anos defendendo a nosa lingua no seu ámbito profesional e a través de múltiples traballos de investigación etnográfica e antropolóxica. O xurado manifesta que a súa actitude militante a favor do idioma galego no ámbito policial determina unha revalorización do feito diferencial galego no resto do corpo.