- Tematica
Hoxe sábado, 14 de xuño, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a gala de entrega de premios do XXII Certame Literario Concello de Ames, un acto literario-musical no que participaron 13 dos 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. O evento estivo presentado pola xornalista de Ames Radio, Belén Martínez. Da parte musical encargouse o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. Participaron os alumnos e alumnas de iniciación da agrupación de violín, do grupo de combo folk e de música e movemento. Todos os textos premiados publicaranse nun libro colectivo que verá a luz no vindeiro mes de abril.
O Certame Literario Concello de Ames é un concurso xa consolidado no panorama literario galego e referente para os creadores e creadoras en lingua galega. Este ano, o certame alcanzou a súa vixésimo segunda edición. Neste 2025 presentáronse 158 traballos procedentes de toda Galicia e mesmo doutros puntos máis afastados da nosa xeografía.
Nestes vinte e dous anos de traxectoria do concurso recibíronse máis de 3.000 obras, e foron premiadas un total de 396. Os gañadores e gañadoras nas modalidades de narrativa e poesía da vixésimo segunda edición recibiron hoxe sábado os seus galardóns na Casa da Cultura do Milladoiro.
No evento interviu o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, que felicitou aos autores e autoras premiadas e agradeceu o traballo dos membros do xurado. “O certame literario de Ames é proba de que cando algo funciona é mellor non tocalo moito. Este certame literario leva descubrindo talento e premiando a xente xa consagrada dende fai 22 anos e oxalá poidamos seguir vendo a novos talentos dentro de outros 22. Xa é un evento de recoñecido prestixio dentro do mundo literario en Galicia, que mostra ao todo o país todo o talento que temos no Val da Maía e nos arredores”.
Nesta edición as persoas encargadas de xulgar os textos desta edición foron: María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. En representación do xurado interviron Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei, que destacaron a alta calidade dos traballos presentados.
Deseguido, procedeuse á entrega dos premios do XXII Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. Desta volta, os traballos premiados proceden dun total de 11 concellos diferentes. Entre a listaxe de obras gañadoras, atópanse textos procedentes de Ames, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Nigrán, Touro, Oroso, Bueu, Allariz, Lugo e Porto do Son.
No concello amesán quedan cinco dos galardóns: o primeiro premio da primeira categoría na modalidade de narrativa, todos os premios da segunda categoría da modalidade de narrativa e o terceiro premio da segunda categoría na modalidade de poesía.
Premiados/as no certame
As nove persoas premiadas na modalidade de narrativa foron as seguintes: Iria Martínez Mosquera, Adriana González Leira e Ana López Canosa, na primeira categoría; Elvia Pérez Álvarez, Roi Álvarez Castro e Sarah Muñoz Costa, na segunda categoría; e Alberte Momán Noval, Clara do Roxo e Francisco Javier Fernández Davila, na terceira categoría.
En canto á modalidade de poesía, as persoas galardoadas foron: Arwen Fernández García, Maré Candales González e Luís Moreno Comesaña, na primeira categoría; María Rodríguez Maroño, Carme Pereira Troncoso e Roi Álvarez Castro, na segunda categoría; e Israel Martínez Veiga, Miriam Ferradáns Ferradás e Patricia Torrado Queiruga, na terceira categoría.
158 traballos presentados
Un ano máis, a categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de poesía, na que se presentaron 72 traballos. Por outro lado, na mesma franxa de idade dentro da modalidade de narrativa recibíronse un total de 47 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, dirixidas a persoas de menos de 13 anos e a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 13 e 5 textos, respectivamente. Do mesmo xeito, na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 13 e 7 traballos, respectivamente. En total, participan no concurso 90 textos poéticos e 67 textos narrativos.
Dende o Servizo de Normalización Lingüística amosan a súa satisfacción porque o certame se volva a situar, un ano máis, como un convocatoria de referencia para moitos autores e autoras e porque as altas cifras de participación demostran a vitalidade da creación literaria na nosa lingua.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El innegable talento literario de los jóvenes de Ames"
El Correo Gallego: "O XXII Certame Literario Concello de Ames premia o talento dos autores en galego"
Diario de Santiago: "Os premios do XXII Certame Literario Concello de Ames entregáronse este sábado na Casa da Cultura do Milladoiro"
Bisbarra: "O Certame Literario Concello de Ames entregou os seus premios na Casa da Cultura"



































