Solapas principales

Os nenos e nenas que son usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares rematan o curso xantando churrasco con patacas fritas e xeado

Martes, 21 de junio de 2016

[21-06-2016] Remata o curso 2015-2016 e os alumnos e alumnas que empregan a Rede Municipal de Comedores Escolares despediron o ano académico comendo churrasco con patacas fritas e xeado. Este menú foi elixido polos propios rapaces nunhas eleccións nas que o Concello dálles a posibilidade de elixir o menú de fin de curso. Os concelleiros/as da corporación municipal, traballadores do departamento municipal de Educación, directores/as, profesores e conserxes dos centros de ensino de Ames tamén despediron o curso entre o alumnado e acudiu ao comedor do CEIP Agro do Muíño para participar nesta comida.


Elección do menú
As eleccións desenvólvense nos comedores do CEIP Agro do Muíño que conta cun censo de 252 rapaces e rapazas, no CEIP A Maía no que participaron 330 alumnos, na EEI do Milladoiro na que 202 nenos e nenas elixiron o seu menú favorito, no CEIP de Barouta no que hai 71 usuarios/as fixos e no CEP de Ventín que ten un censo de 257 electores. En total son 1.112 os rapaces e rapazas que participaron nesta eleccións escolares.

O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 309 votos; pizza de xamón e queixo, 283 votos; albóndegas con arroz e salsa de tomate,113 votos; espaguetes á boloñesa con queixo, 124 votos; peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 91 votos; e pescada rebozada con pasta tricolor, 15 votos. Na sobremesa o polo de xeado impúxose con 450 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 210 votos. Os amorodos con nata obtiveron 144 votos; o iogur de chocolate, 117 votos; e o flan con nata, 42 votos.

O menú que degustaron hoxe os rapaces da Rede Municipal de Comedores Escolares estivo composto por ensalada tropical, churrasco con patacas fritas e xeado de polo de amorodo. Aínda que o curso remata mañá, este menú sérvese o día 21 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, tamén quixo despedir o curso entre o alumnado amesán e acudiu ata o comedor do CEIP Agro do Muíño para xantar.

Santomil estivo acompañado polos concelleiros/as do goberno municipal; Blas García, Isabel González, Genma Otero e Silvia Dapena, da concelleira de Ames Novo, Pilar Candocia, e do concelleiro do grupo municipal popular, Francisco Javier Olmo. Nesta iniciativa tamén participaron as directoras das escolas infantís municipais, traballadoras do departamento municipal de Educación, e directores/as, profesores e conserxes dos colexios amesáns. Ademais, acudiron representantes das empresas de monitoraxe Órbita Infantil e A Billarda, así como representación dos membros das diferentes ANPAS dos centros de educación infantil de Ames.

Os pratos que compuxeron o menú de fin de curso foron elixidos a primeira semana de xuño nunhas eleccións que se organizan todos os anos co fin de que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Os rapaces despiden o ano co seu menú favorito"