Solapas principales

Os contos de Alí chegan a Ames da man do programa Apego

Jueves, 10 de noviembre de 2022

As actividades de outono do programa Apego de Ames continúan con dúas sesións de contos e cancións infantís apoiadas por ilustracións nun Kamishibai (teatro de papel) da man da pedagoga musical Lydia Botana “Bolboreta” e de Fabaloba. O venres 18 de novembro desenvolverase o primeiro obradoiro, “Quen canta alí?” na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que o segundo, “Un bico para Alí”, terá lugar o xoves 24 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro. Ambos comezarán ás 18:00 horas, e están pensados para crianzas a partir de 3 anos. Para participar en calquera deles é preciso inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos dos asistentes, un teléfono de contacto e a idade dos nenos que vaian a participar.

As sesións de narración forman parte do proxecto “Alí, recursos en galego para a educación infantil”, que naceu a través dunha páxina web e das redes sociais para difundir entre familias e profesionais da educación infantil recursos lúdicos e educativos en galego para a rapazada (libros, xogos, xoguetes, audiovisual, discos...).

Posteriormente, creáronse os contos de Alí, propostas de narración oral e cancións apoiadas por ilustracións que se amosan a través dun teatriño Kamishibai (teatro de papel, en xaponés). Os contos de Alí sempre contan cun plano literal, dirixido á rapazada, e cun plano metafórico, que pretende promover a reflexión dos pais e nais sobre a transmisión do idioma. A persoa encargada de levar a escena os contos e a música é a cantante e pedagoga musical Lydia Botana “Bolboreta”.

Prazos de inscrición para Quen canta Alí? e para Un Bico para Alí

O venres 18 de novembro chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns Quen canta Alí?, e o prazo para inscribirse estará aberto dende o día 10 ata o 17.

O xoves 24 será a quenda de Un bico para Alí, na Casa da Cultura do Milladoiro, e as persoas interesadas pódense inscribir dende o 16 ata o 23 de novembro.

En ambos os casos, débese enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos das persoas interesadas, as idades dos nenos e nenas e un teléfono de contacto.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para favorecer a transmisión da lingua

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa teñan crianzas con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Lydia Botana e Fabaloba traen contos e cancións"

A cantante e pedagoga Lydia Botana é a encargada dos contos e a música

Multimedia

  • Os contos de Alí chegan a Ames da man do programa Apego
  • Os contos de Alí chegan a Ames da man do programa Apego