Solapas principales

Os clubs e entidades deportivas de Ames ofertan dez campus e campamentos para este verán

Viernes, 23 de mayo de 2025

Ames acollerá ao longo deste verán un total de dez campus e campamentos deportivos, organizados por clubs e entidades deportivas locais e que contan coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Ames e da Deputación da Coruña. Nesta liña, a rapazada amesá poderá escoller entre varias propostas, que van dende fútbol, fútbol sala ou baloncesto, ata atletismo, patinaxe ou volei. Pódese consultar o cartel completo na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, e a Deputación da Coruña, colaboran un ano máis na organización de diversos campus e campamentos deportivos que se desenvolverán ao longo dos meses de verán no concello. Deste xeito, búscase promover a práctica do deporte entre os máis mozos, xunto con ofrecer amplas opcións de conciliación entre as familias amesás na época estival.

Nesta liña, esta mañá o Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación desta serie de propostas para verán.

Á presentación asistiron a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o técnico do departamento de Deportes, Alberto Viaño; o tesoureiro do Milladoiro SD, Leopoldo Jiménez Rodríguez; o presidente de Ames Atletismo, José David García Arcos; por parte do Bertamiráns FC, o seu coordinador, Joel Lodeiro Corzón, o presidente, Rafael Budiño Rey, e o director da canteira do club, Juan Diego Rodríguez Rogido; en representación do Club Basquet Ames, Raúl Porto Vázquez; o presidente do Club Voleibol Bruxas, Fernando Lizuain; en representación do RC Deportivo, o responsable da Fundación RC Deportivo, Alejandro Vidal Corral, e o coordinador do Programa Local da Fundación, Sergio Maurente Brañas; e a presidenta do F.C. Meigas, Paola Vignolo.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, subliñou que “estes campus axudan a que os rapaces e rapazas durante a temporada de verán sigan mantendo os seus adestramento e, sobre todo, eses valores asociados ao deporte coma o compañeirismo e amizade”. Así mesmo, destacou que “a pesar de que para os organizadores sexa un traballo e esforzo realizar estes campus durante o verán, é tamén unha satisfacción ver que moitos rapaces comezan a engancharse a algunha das disciplinas deportivas que hai no concello”.

Na mesma liña, o técnico do departamento de Deportes, Alberto Viaño, destacou que “estes campamentos son moi beneficiosos para os rapaces e para a conciliación que ademais, neste caso, ao ser deportiva, supón adquirir os hábitos saudables que implica o deporte, algo moi importante para os mozos e mozas”.

Campamentos de fútbol e fútbol sala
Nesta serie de campamentos de verán, o fútbol é o deporte que conta cun maior número de propostas. Haberá tres campus de fútbol campo e un de fútbol sala, que se desenvolverán durante os meses de xuño e xullo, con opcións para rapaces e rapazas de entre 4 e 17 anos.

O primeiro deles será o Campus de Fútbol Milladoiro S.D., que se desenvolverá do 30 de xuño ao 1 de agosto, de luns a venres, e en horario de 9:00 a 14:00 horas. Está dirixido a menores de entre 4 e 17 anos e terá lugar no campo de fútbol municipal do Milladoiro. Para máis información pódese consultar a páxina web do Milladoiro SD.

Por outra banda, do 30 de xuño ao 4 de xullo e do 7 ao 11 de xullo desenvolverase o XIII Campus de fútbol Bertamiráns F.C., que se realizará de 8:00 a 15:30 horas. Neste caso, será para a rapazada de entre 5 e 14 anos, e levarase a cabo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Para obter máis información e inscribirse pódese entrar na páxina web do club Bertamiráns FC.

Así mesmo, o R.C. Deportivo da Coruña organiza o seu campus de verán do 14 ao 18 de xullo, para nenos e nenas entre 6 e 14 anos. Desenvolverase no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, de 10:00 a 14:00 horas. Pódese obter máis información ou inscribirse escribindo ao enderezo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es ou a través da web do DeporCampus.

Por outra parte, volve un ano máis o Campus de Verán Santi Valladares, do FC Meigas e das EFS Trasgos. Desenvolverase en horario de 9:00 a 14:30 horas ou ata as 16.30 (neste caso co xantar incluído); do 23 de xuño ao 11 de xullo. Está orientado á rapazada de entre 4 e 16 anos, e desenvolverase no Pavillón Polideportivo Municipal de Bertamiráns. Pódese obter información visitando a páxina web do FC Meigas e realizar a inscrición a través da seguinte ligazón.

Campamentos de patinaxe
Ademais, os dous clubs de patinaxe de Ames manteñen un ano máis a súa oferta para os meses de verán. O campamento de verán de patinaxe do CPA Omega, dirixido a rapazada de entre 4 e 16 anos, comezará o 1 de xullo, e desenvolverase ata o día 31 do mesmo mes. Será de 8:30 a 14:30 horas, con dúas quendas quincenais. Terá lugar no IES do Milladoiro e no pavillón municipal da localidade. Para máis información e inscricións pódese escribir a info@cpaomega.es.

Pola súa banda, o Campamento de verán Patinaxe Sarela desenvolverase en dúas quendas, a primeira do 15 ao 31 de xullo e, a segunda, do 1 ao 14 de agosto, ámbalas dúas en horario de 8:30 a 14:30 horas. Terá lugar no polideportivo de Bertamiráns, para nenos e nenas de entre 5 e 17 anos. Pódese obter máis información e realizar a inscrición a través do enderezo electrónico clubdepatinaxesarela@hotmail.com.

Campus de volei
A novidade deste ano é a incorporación do Campus de Volei Internacional, organizado polo C.V. Bruxas. Realizarase entre o 7 e o 11 de xullo, nestas datas con horario de 12.30 ata as 15.30 horas, e do 14 ao 18 de xullo, en horario de 9.30 a 12.30 horas. Esta proposta terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal de Bertamiráns e está dirixido para persoas de entre 19 a 11 anos. Para máis información, pódese escribir ao enderezo proyectjdb@gmail.com.

Campus de atletismo
O atletismo tamén aparecerá por partida dobre no verán amesán. Por un lado, o Campus de atletismo Ames Atletismo ofrece unha opción para os nenos e nenas nados entre o 2010 e o 2020. Ofertaranse tamén dúas quendas. A primeira delas abarca os días 23, 24, 25, 26, 27 e 30 de xuño; e a segunda, os días do 1 ao 6 de setembro. O horario será de 8:30 a 14:30 horas e terá lugar no centro de lanzamentos  de Biduído. Para obter máis información e realizar as inscricións pódese escribir ao enderezo amesatletismo@gmail.com ou consultar a páxina web do club.

Por outra banda, na oferta de campamentos de verán volverá a estar presente o X Campus de Atletismo Millaraio, que ocupará en dúas quendas a área deportiva do Milladoiro. A primeira destas quendas vai dos días 23, 25, 26, 27 e 30 de xuño; e a segunda, do 1 ao 5 de setembro. O horario será de 8:30 a 14:30 horas. Diríxese á rapazada nada entre os anos 2012 e 2018. Pódese obter máis información ou realizar a inscrición pódese acceder á páxina web do Atletismo Millaraio.

Campus de baloncesto
Por último, a oferta de campamentos deportivos inclúe o VIII Campus de verán Básquet Ames, que achegará o baloncesto aos mozos e mozas nados entre 2008 e 2019. O campus desenvolverase en dúas quendas, a primeira do 23 ao 27 de xuño, e a segunda do 30 de xuño ao 4 de xullo, ámbolos dous en horario de 10:00 a 17:00 horas, na área deportiva do Milladoiro. Para máis información e inscricións pódese consultar a web do Básquet Ames.

Os clubs e entidades deportivas de Ames ofertan dez campus e campamentos para este verán

Multimedia

  • Os clubs e entidades deportivas de Ames ofertan dez campus e campamentos para este verán
  • Os clubs e entidades deportivas de Ames ofertan dez campus e campamentos para este verán
  • Os clubs e entidades deportivas de Ames ofertan dez campus e campamentos para este verán
  • Os clubs e entidades deportivas de Ames ofertan dez campus e campamentos para este verán