Solapas principales

Os alcaldes de Ames e Vilagarcía de Arousa reúnense para poñer en común proxectos que se están desenvolvendo en ambos municipios

Lunes, 11 de abril de 2016

[11-04-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, mantiveron unha xuntanza de traballo na que ambos rexedores deron a coñecer distintos proxectos, que se están levando a cabo nos seus respectivos Concellos, e que son de interese común para ambos rexedores. Algúns dos asuntos tratados están relacionados co cemiterio municipal, o programa de becas universitarias, o servizo de canceira, a rede municipal de comedores escolares, o programa Ames Saudable, etc. Ambos alcaldes coincidiron na necesidade de ter unha conexión máis estreita de cara ao futuro.

O alcalde de Ames, José Miñones, interesouse pola xestión que realiza o Concello de Vilagarcía do seu cemiterio municipal. Esta xestión vai parella a un regulamento e unha ordenanza que xa teñen en marcha. Segundo explica Miñones “en Ames queremos poñer en marcha a ordenanza do cemiterio ao mesmo tempo que abrimos esta instalación municipal, xa que permitiría regular e ordenanza o uso desta infraestrutura”.

Outro dos temas abordados é o das becas universitarias. O goberno municipal está traballando no borrador desta becas de cara a que os estudantes universitarios do concello de Ames poidan optar a unha beca para sufragar parte do material que teñen que mercar para os seus estudos. É importante que estas becas non sexan incompatibles coas que ofrece a Xunta de Galicia. Miñones aproveitou esta xuntanza para coñecer o documento coas bases destas becas, que xa ten elaborado o Concello de Vilagarcía, e nos vindeiros días presentará copia no Concello de Ames das devanditas bases para que os técnicos de Ames as poidas estudar de xeito máis pormenorizado.

O Concello de Vilagarcía de Arousa ten un convenio asinado coa compañía Gas Natural Fenosa para que non lle corten a luz e o gas ás persoas que están nunha situación de emerxencia social e non poden pagar os recibos destes servizos. O Concello de Ames dispón dunha partida orzamentaria para axudar a estas persoas, previo informe dos técnicos de servizos sociais, pero chegado o momento ás persoas amesás en situación de emerxencia social e que non poden pagar estes recibos pódenlles cortar os servizos de luz e gas. Esta situación provoca que despois haxa que dar outra vez de alta ditos servizos co conseguinte pago dunha taxa. O goberno municipal pretende asinar un convenio, similar ao que ten Vilagarcía con Gas Natural Fenosa, para que non se produza ese corte de servizo. Dende Vilagarcía enviarán unha copia deste convenio para que os técnicos de Ames poidan estudalo con detemento.

Por outra banda, falouse do servizo municipal de canceira do que dispón o Concello de Vilagarcía de Arousa, xa que vai na liña do que se está estudando por parte do goberno municipal e concretamente dende a concellaría de Medio Ambiente. Ames ten un contrato coa empresa Servigal que remata en outubro deste ano, polo que se están barallando varias opcións de cara a prestar este servizo. En Vilagarcía este servizo está municipalizado e para iso asinaron un convenio cunha asociación protectora de animais que é a encargada de xestionar o Refuxio de Animais de Pinar do Rei.

Asuntos de interese para Vilagarcía
Ademais, ambos rexedores estiveron falando de varios asuntos relacionados coa xestión municipal e da licitación de servizos que se prestan en ambos concellos. O alcalde de Vilagarcía tamén se interesou polo servizo da Rede municipal de Comedores Escolares, para coñecer o proceso que se segue na elaboración dos menús e o servizo que se presta. Tamén se interesaron polo servizo que ofrece a nutricionista municipal. Dende Vilagarcía tamén quixeron coñecer máis polo miúdo o traballo que se desenvolve a través do programa Ames Saudable.

Outros dos programas que quixo coñecer o rexedor de Vilagarcía foi o das escolas deportivas municipais. Ambos rexedores falaron da posibilidade de facer unha xornada multideportiva de portas abertas entre ambos concellos. A través desta iniciativa virían a Ames varios rapaces e rapazas que practican distintas especialidades deportivas que en Ames non se ofertan. Dende Vilagarcía interesáronse por varias especialidades de deporte feminino que se ofrecen en Ames como é o fútbol sala, o voleibol ou a patinaxe.

Por último, ambos alcaldes coincidiron na necesidade de ter unha conexión máis estreita e de establecer un resume mensual de actividade municipal, para poñer en común diversos proxectos e iniciativas que poden resultar de interese para ambos concellos. Deste xeito, colaborarán na elaboración dos pregos técnicos dos procesos de licitación de diferentes proxectos co fin de abaratar custos e ser máis eficiente na realización do traballo administrativo, así como na realización de bases e outras xestións de ámbito municipal.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames plantea proyectos comunes con Vilagarcía"