Solapas principales

Os 26 rapaces e rapazas que participaron no campus da Fundación Celta de Vigo visitaron o estadio de Balaídos

Jueves, 05 de julio de 2018

[05-07-2018] O concello de Ames acolleu por quinto ano consecutivo o campus de verán que organiza a Fundación Celta de Vigo. Esta actividade desenvolveuse do 25 ao 29 de xuño nas instalacións do campo municipal do Milladoiro. O campus rematou cunha visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaidos. Nesta iniciativa participaron 26 rapaces e rapazas. As clases foron impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo. A través deste campus os participantes perfeccionaron distintos conceptos relacionados co fútbol e o deporte, nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe.

O Concello de Ames e a Fundación Celta de Vigo desenvolveron un ano máis no campo municipal do Milladoiro o quinto campus de verán de fútbol, que ten o obxectivo de que os nenos e nenas amesás practiquen deporte e se divirtan nas vacacións. O campus de verán da Fundación Celta de Vigo desenvolveuse do 25 ao 29 de xuño. Por segundo ano consecutivo, esta iniciativa rematou cunha visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaidos.

Deste xeito, durante a última xornada do campus os nenos e nenas puideron ver a sala de trofeos, o vestiario do primeiro equipo do Real Club Celta de Vigo, a sala de prensa, o túnel dos vestiarios e o mailo terreo de xogo. Os rapaces e rapazas de Ames foron recibidos polo presidente do Real Club Celta de Vigo, Calor Mouriño, e puideron conversar con el. Asemade, aproveitouse esta visita para facer o acto de clausura.

Nesta iniciativa participaron 26 rapaces e rapazas de 4 a 16 anos. Os nenos e nenas estiveron divididos en grupos segundo a idade dos participantes. As clases foron impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo, que empregan un sistema de adestramento rotativo dividido en catro grandes áreas: coordinación-psicomotricidade; técnica; táctica; competición e multideporte.

O obxectivo deste campus é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos/as recibiron unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. Todos os días os participantes tiveron un pequeno almorzo composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas. A cada neno/a que participou nesta actividade entregóuselle un equipamento oficial de marca ADIDAS, composto por uns calcetíns, unha camiseta e un pantalón.



Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Os 26 rapaces e rapazas que participaron no campus da Fundación Celta de Vigo visitaron o estadio de Balaídos"