Solapas principales

Organízase a primeira edición da Gala do voluntariado de Ames onde se homenaxeará os 42 voluntarios/as que colaboran coa OVA

Lunes, 02 de diciembre de 2019

Coincidindo coa conmemoración do Día internacional do voluntariado, este xoves 5 de decembro, a Concellaría de Benestar Social organiza a primeira edición da Gala do voluntariado de Ames onde se homenaxeará os 42 voluntarios/as que  colaboran coa Oficina municipal de Voluntariado de Ames (OVA). Este departamento desenvolve ao longo do ano programas de acción social, de atención socioeducativa, así como outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios. En dito acto entregaráselle aos/ás voluntarios/as un carné e un pequeno agasallo. Tamén se lle entregará un galardón aos/ás catro voluntarios/as máis veteranos/as. Contarase coa actuación musical de Os D´Abaixo.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, pon en marcha unha nova iniciativa no ámbito do voluntariado. Este xoves, 5 de decembro, a partir das 18.00 horas, coincidindo co Día internacional do voluntariado, celebrarase a primeira edición da Gala do voluntariado de Ames onde se homenaxeará os 42 voluntarios/as que  colaboran coa Oficina municipal de Voluntariado de Ames (OVA). Este departamento municipal desenvolve ao longo do ano programas de acción social, de atención socioeducativa, así como outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios.

Durante estes 18 anos, máis de 350 voluntarios/as colaboraron con este departamento municipal. Na actualidade, 42 voluntarios/as colaboran activamente coa Oficina municipal de voluntariado nas diferentes accións voluntarias desenvolvidas. Dentro do abano de perfís de voluntarios/as, destacan as persoas xubiladas e/ou prexubiladas, así como as mulleres de mediana idade. Todas as actividades están dirixidas e supervisadas polo coordinador da OVA.

A concelleira e Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “nesta gala haberá momentos para o agradecemento e para o recordo. Trátase dunha pequena homenaxe e recoñecemento a labor do voluntariado de Ames. Grazas ás voluntarias e voluntarios pódense desenvolver distintos programas que están dirixidos a todas as franxas de idades da veciñanza de Ames. A súa labor altruísta e desinteresada é impagable. Por iso queremos devolverlle unha pequena parte do que fan, a través da realización dunha homenaxe nesta gala”.  

Durante o transcurso do acto, que se realizará na Casa da Cultura do Milladoiro, entregaráselle ao voluntarios/as un carné e un pequeno agasallo. Tamén se lle entregará un galardón aos/ás catro voluntarios/as máis veteranos/as e haberá unha proxección moi especial relacionada con estes/as  catro voluntarios/as que foron os/as primeiros/as en colaborar coa OVA.

Ademais, haberá unha exposición fotográfica na entrada da Casa da Cultura do Milladoiro con fotografías dende decembro de 2001, momento no que se puxo en marcha a Oficina de Voluntariado de Ames, ata a actualidade. Para animar a Gala contarase coa actuación musical de Os D´Abaixo e rematarase o acto cun brinde de Nadal cos todos os voluntarios e voluntarias.

Cartel da Gala do voluntariado de Ames

Multimedia

  • Cartel da Gala do voluntariado de Ames