Solapas principales

Organízase para este venres, 25 de marzo, un mercado solidario en favor de Ucraína

Jueves, 24 de marzo de 2022

A Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, organiza para este venres, 25 de marzo, un mercado solidario en favor de Ucraína. Dito mercado realizarase nas Casas da Cultura de Bertamiráns, de 17.00 a 18.00 horas, e do Milladoiro, de 18.30 a 19.30 horas. Venderanse camisetas elaboradas polos usuarios/as de Arcea Adames, por persoas maiores do programa Amessan e por nenos e nenas do Consello sectorial municipal. Os fondos recadados coa venda de ditas camisolas irán á Cruz Vermella.

Unha vez máis Ames demostra que é un concello solidario e implicado en diferentes iniciativas que xorden co obxectivo de axudar en campañas solidarias. Neste caso, organízase un mercado solidario en favor de Ucraína. O mercado desenvolverase nos dous núcleos urbanos do municipio: na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 17.00 a 18.00 horas, e na Casa da Cultura do Milladoiro, dende as 18.30 ata as 19.30 horas.

No mercado solidario porase á venda camisetas elaboradas durante as dúas últimas semanas por usuarios/as de Arcea-Adames, as persoas integrantes do programa Amessan e do Consello Sectorial de Nenas e Nenos. O obxectivo é recadar fondos para enviarlle ao pobo ucraíno a través de Cruz Vermella. Esta iniciativa está coordinada entre a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e mailo Servizo de atención ao migrante (SAMI).

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou que “debido ao gran número de chamadas que recibimos da veciñanza para preguntar como poden axudar, decidimos poñer en marcha esta iniciativa solidaria na que se colabora de diferentes formas; Arcea- Adames, os maiores de Amessan e os nenos e nenas do Consello Sectorial elaborando o material e os veciños e veciñas que así o desexen mercándoo”.

Luísa Feijóo engadiu “teño que agradecer a boa acollida desta iniciativa por parte dos diferentes colectivos aos que lle propuxemos que elaboraran as camisetas, así como ao estudo de deseño Terteres, que doou ilustracións para postais. Ames demostra unha vez máis que é un concello acolledor e solidario gracias a súa veciñanza”.

Rexistro municipal de familias de acollida
Por outra banda, cómpre lembrar que está aberta unha campaña para elaborar un rexistro municipal de familias de acollida para persoas refuxiadas de Ucraína. Esta iniciativa tamén está coordinada entre a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e mailo Servizo de atención ao migrante (SAMI).

As persoas que queiran participar nesta iniciativa deben escribir un correo electrónico ao enderezo leonardo.pena@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662 37 70 44. Haberá que achegar nome e apelidos da persoa solicitante, número de persoas que integran a unidade familiar, DNI, correo electrónico, teléfono de contacto, enderezo da vivenda, metros cadrados da vivenda, e mailo número de persoas que poden acoller.

Novas relacionadas

Enfoques: "Ames organiza para este viernes un mercado solidario en favor de Ucrania"

Cartel do mercado solidario en favor de Ucraína

Multimedia

  • Cartel do mercado solidario en favor de Ucraína