Solapas principales

A ONG internacional Educo destaca o valor social dos comedores escolares de Ames

Jueves, 17 de febrero de 2022

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, entrevistouse esta semana con Clarisa Giamello, responsable de Relacións Institucionais, Estudios e Incidencia Política da ONG de cooperación internacional Educo, da que tamén é coordinadora en España. Neste momento Educo está a realizar un estudo sobre a situación do comedor escolar no ensino primario, escollendo o modelo de xestión dos comedores escolares de Ames como referente municipal. Na actualidade, 181 alumnos/as teñen acceso gratuíto ao comedor escolar municipal.

Educo é unha organización global de defensa, protección e promoción dos Dereitos da Infancia e a Mocidade, así como do seu benestar. A ONG é membro da ChildFund Alliance e traballa en 14 países, incluída España, e focaliza os seus proxectos en tres dereitos que considera clave: O dereito á Educación, como dereito en si mesmo e como dereito habilítante de outros; o dereito á Protección; e o dereito á Participación e a ser escoitado. Desde este enfoque traballa todas as áreas de desenvolvemento de nenos, nenas e adolescentes. Toda a información pode atoparse na súa web www.educo.org.

Un dos asuntos prioritarios para a organización, especialmente no contexto europeo, é o comedor escolar como parte esencial do dereito á educación. Neste momento Educo está a realizar un estudo sobre a situación do comedor escolar no ensino primario, escollendo o modelo de xestión dos comedores escolares de Ames como referente municipal.

Un dos principais programas que está a desenvolver Educo son as Becas Comedor Solidarias, destinadas á axuda a nenos e nenas para garantir o acceso ao comedor escolar para a súa alimentación, educación e protección en diferentes países do mundo.

Na entrevista analizouse o modelo de xestión dos comedores escolares de Ames. Comezando pola súa evolución dende o ano 2005 e a situación actual na que preto de 1.400 usuarios/as participan neste servizo municipal en sete centros escolares públicos de ensino infantil e primaria. Fíxose especial fincapé nas axudas e bonificacións, así como na progresividade das cotas de comedor que oscilan entre a gratuidade e os 110 euros mensuais.

638 usuarios/as teñen bonificada a súa couta de comedor escolar
Deste xeito, uns 181 alumnos/as utilizan o servizo de comedor escolar de forma gratuíta, a denominada "cota cero" para atender necesidades sociais de familias con rendas inferiores ao 25% do IPREM.

No tramo de renda do 25% ao 50% do IPREM sitúanse un total de 125 usuarios/as, entre o 50% e o 75% son 167 usuarios/as e entre o 75% e o 100% do IPREM son 165 usuarios/as. Isto fai un total de 638 usuarios/as con familias con rendas iguais ou inferiores ao IPREM que teñen bonificada a súa couta de comedor escolar.

Progresividade nas cotas
Por riba do valor do IPREM sitúanse no tramo entre o 100% e o 150% un total de 281 usuarios/as, do 150% ao 200% son 214 usuarios/as e as rendas que superan o 200% do IPREM suman 253 usuarios/as. Isto fai un total de 1.386 usuarios no último censo do ano 2021.

Este feito, mediante a progresividade nas cotas, permite atender e adaptar o servizo ás posibilidades económicas das familias usuarias.

Finalmente, destacouse que o valor social dos comedores escolares de Ames enmárcase entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, como é o caso do Obxectivo 2 Fame Cero, que coincide coa proposta de Educo na loita contra a pobreza e a exclusión social. Do mesmo xeito, tamén enmárcase noutros ODS como a Educación de Calidade (Obxectivo 4), Traballo Decente e Crecemento Económico (Obxectivo 8), Cidades e Comunidades Sostibles (Obxectivo 11) e Produción e Consumo Responsables (Obxectivo 12).

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, destaca deste encontro “o feito de que unha organización de cooperación internacional como Educo teña como referente para os seus estudos o Concello de Ames é importante, para por en valor o modelo de xestión e social que desenvolven os servizos complementarios de Educación e poder aplicalo noutros territorios. Agradecemos a visita e todo o noso ofrecemento para colaborar e dar a coñecer o que facemos si pode ser de utilidade noutros lugares”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Educo eleva a referente municipal los comedores"

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, entrevistouse esta semana con Clarisa Giamello, responsable de Relacións Institucionais, Estudios e Incidencia Política da ONG de cooperación internacional Educo

Multimedia

  • O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, entrevistouse esta semana con Clarisa Giamello, responsable de Relacións Institucionais, Estudios e Incidencia Política da ONG de cooperación internacional Educo
  • Logotipo de Conciliames
  • Logotipo da ONG internacional Educo