Solapas principales

A Oficina de Voluntariado programa un taller de robótica e outro de reciclaxe informática no Milladoiro

Martes, 11 de octubre de 2022

A Oficina de Voluntariado e a Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames celebran este sábado 15 de outubro dous obradoiros, a partir das 11:00 horas no antigo centro de saúde do Milladoiro. Por unha banda, organízase un taller de robótica para nenas e nenos de 7 a 12 anos, con inscricións de balde premendo nesta ligazón. Ademais, de xeito simultáneo haberá un obradoiro de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores, organizado pola Oficina de Software Libre, para o que tamén se pode confirmar a asistencia de xeito gratuíto nesta ligazón.

O antigo centro de saúde do Milladoiro vai acoller esta fin de semana dúas propostas relacionadas coa robótica e a reciclaxe informática, organizadas pola Oficina de Voluntariado e a Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames. Os talleres, que se celebrarán de xeito simultáneo, a partir das 11:00 horas do sábado 15, ofrecen deste xeito opcións tanto para o público xeral como para o infantil.

Por unha banda, organízase un obradoiro de robótica en colaboración con R, das 11:00 ás 13:00 horas e dirixido a nenas e nenos dos 7 aos 12 anos, no que se fomentarán os conceptos STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas) para aprender xogando. Deste xeito, no taller a rapazada poderá crear prototipos tecnolóxicos usando placas BBC Microbit, pezas electrónicas e materiais reciclados para formar estruturas. As inscricións para esta actividade, de balde, poden realizarse premendo nesta ligazón.

Ademais, a Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames continúa cos seus obradoiros do segundo semestre do ano, co obxectivo de minorar o lixo electrónico, aumentar a vida útil destes aparellos e reducir o seu consumo. Nesta ocasión, realizarase un taller de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores, que volve tras a boa acollida que tivo esta mesma proposta en setembro. Para participar na actividade, das 11:00 ás 13:30 horas, pódese confirmar a asistencia de balde premendo nesta ligazón.

Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames

A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol). Entre os seus obxectivos están reducir a fenda dixital para os colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico no municipio.

A oficina divulgará sobre novas tecnoloxías, resolvendo dúbidas e dando cursos de formación e actividades de alfabetización dixital, mentres que no Banco de Reciclaxe recolleranse equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan, para que poidan seguir sendo empregados por persoas con menos recursos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cursos gratis para acercar la robótica a los más jóvenes y reciclar ordenadores"

AMSGO!: "Obradoiros de robótica e informática este sábado no Milladoiro"

A Oficina de Voluntariado programa un taller de robótica e outro de reciclaxe informática no Milladoiro

Multimedia

  • A Oficina de Voluntariado programa un taller de robótica e outro de reciclaxe informática no Milladoiro