Solapas principales

A Oficina de Software Libre de Ames achega á cidadanía novas ferramentas para reciclar os seus equipos informáticos

Sábado, 22 de octubre de 2022

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), xunto coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, fai un balance positivo dos primeiros meses de percorrido da Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica, cuxa actividade se iniciou hai pouco máis de catro meses. Nos seus primeiros meses de actividade realizou actividades de formación en novas tecnoloxías e permitiu o acceso de persoas con necesidades a ordenadores e outros compoñentes.

Neste tempo, a Oficina desenvolveu catro actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou dous obradoiros sobre a posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores, outro sobre a seguridade dixital básica e un taller de iniciación á reparación e reciclaxe de altofalantes.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “este convenio permítenos seguir avanzando na economía social: reducindo lixo electrónico, reciclando e reutilizando, ademais de axudar a reducir a fenda dixital entre aquelas persoas máis vulnerables do noso concello, sobre todo a aquelas que están a realizar estudos tanto regrados como non. Hai que lembrar que os equipos que recibimos arránxanse, instálaselle software libre para posteriormente doarllos a quen os precisa e avanzar en accesibilidade universal ao promocionar o software libre. Formar un corpo de voluntariado informático que axude na reciclaxe e tamén na formación dixital é outro dos nosos retos”.

Estender a vida útil dos equipos informáticos
Ademais de sensibilizar en software libre, que permite unha maior autonomía dixital ás persoas usuarias, esta iniciativa favorece a posibilidade de estender a vida útil dos equipos informáticos, algo moi relevante no actual contexto de inflación.

Este tempo foi un primeiro paso para que a cidadanía coñeza a existencia deste servizo, que xa recibiu doazóns de equipos que a xente non utiliza e que poden ser acondicionados para un novo uso, favorecendo tamén a economía circular.

A Oficina logrou captar persoas voluntarias, que axudan en distintos labores, como a instalación de sistemas operativos de software libre ou na montaxe e desmontaxe de computadores de escritorio.

Material para colectivos vulnerables
O material que se recolle é variado: ordenadores portátiles, torres, periféricos (monitor, teclado, rato...) e compoñentes internos (RAM, HDD...). Estes equipos formáteanse e adáptanse para alongar a súa vida útil e así ofrecer a posibilidade de reutilización aos colectivos en situación de vulnerabilidade. Os compoñentes e pezas a substituír para a reparación dos equipos corren da conta de Agasol.

Todos os sistemas operativos que se utilizan, así como os programas instalados, son libres. Isto permite, entre outras cousas, que as persoas usuarias finais dos equipos queden libres de pagar licenzas e de ter restrinxido o seu uso. Desta forma, conséguese loitar contra a obsolescencia de moitos equipos debida a cambios de versión dun sistema operativo propietario que, co paso do tempo, consume e necesita máis recursos. Segundo destacan dende Agasol, o obxectivo principal é intentar romper a fenda dixital usando tecnoloxía libre.

Localización da oficina
A oficina está situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, un local cedido polo Concello de Ames a Agasol para desenvolver este proxecto.

Imaxe dunha acción formativa impartida pola Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica

Multimedia

  • Imaxe dunha acción formativa impartida pola Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica
  • Imaxe dunha acción formativa impartida pola Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica
  • Imaxe dunha acción formativa impartida pola Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica
  • Imaxe dunha acción formativa impartida pola Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica