Solapas principales

A obra de teatro “Morte accidental dun anarquista” representarase en Bertamiráns este venres, 27 de xaneiro

Martes, 24 de enero de 2023

A compañía Talía Teatro achega a Ames unha nova proposta de artes escénicas, a obra “Morte accidental dun anarquista”. A representación terá lugar este venres, 27 de xaneiro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas. A duración da obra, que se enmarca dentro do convenio asinado entre o Concello de Ames e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), é duns 85 minutos. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación cultural ao completo para o primeiro semestre de 2023.

"Morte accidental dun anarquista" é un sainete político, unha disputada e reflexiva comedia, que, aínda cincuenta anos despois de ser escrita, apuntan dende Talía Teatro, “segue aportando sons, que, dun xeito máis ou menos directo ou metafórico, segue reverberando aínda nos muros da actualidade”.

Orixinalmente escrita polo dramaturgo italiano Dario Fo, a obra foi estreada en 1970, e os sucesos narrados baséanse nun feito real que ocorreu nos Estados Unidos nos anos 20, cando un emigrante italiano caeu por unha ventá do edificio do FBI en Nova York. Utilizando o suceso como pretexto, Fo retrata a un home retido na xefatura de Policía acusado de impostor. Durante os tres anos seguintes á súa estrea, “Morte accidental dun anarquista” foi a obra máis vista en Italia, sumando máis dun millón de espectadores.

Talía Teatro busca coa representación "unirnos á inmensa nómina de compañías que montaron, montan e montarán as súas pezas, e, entre elas, a máis emblemática de todas. Os clásicos é o que teñen, que as súas portas están sempre abertas a novas visitas: dos creadores e do público".

As entradas poden adquirirse por cinco euros a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames ou ben na Casa da Cultura de Bertamiráns, antes do comezo do espectáculo. Os estudantes con carné que certifique a súa condición, as persoas maiores de 60 anos, os menores de 12 anos, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego poderán beneficiarse dun desconto do 50% do custo ordinario da entrada.

Elenco e dirección
Á cabeza da obra está Cándido Pazó, director, narrador e actor galego. Pazó, formado na École Philippe Gautier, en París, pasou ao longo da súa traxectoria profesional por numerosas compañías teatrais e polo Centro Dramático Galego. Ademais, ten realizado numerosas postas en escena, adaptacións e traducións de obras. O elenco complétano Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e Marta Ríos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Teatro con la obra 'Morte accidental dun anarquista'"

Cartel da obra "Morte accidental dun anarquista"

Multimedia

  • A obra de teatro “Morte accidental dun anarquista” representarase en Bertamiráns este venres, 27 de xaneiro