[28-05-2013] Os nenos e nenas que practican baloncesto dentro das Escolas deportivas municipais do Milladoiro, recibiron este luns 27 de maio a visita do xogador do Blusens Monbus Obradoiro, Jorge Sanz. O base madrileño falou animadamente cos nenos e nenas amienses e explicoulles a importancia de combinar os estudos co deporte. A continuación, participou nos diferentes exercicios que estaban realizando os rapaces. Xogou un pequeno partido, participou nun circuíto e fixo tiro cos nenos máis grandes. Por último, sacou unha foto de grupo con todos os nenos/as e monitores e asinoulle autógrafos aos rapaces.
Os rapaces e rapazas das Escolas deportivas do Milladoiro recibiron unha visita moi especial este luns 27 de maio. O xogador do Blusens Monbus Obradoiro, Jorge Sanz, achegouse ata o pavillón polideportivo do Milladoiro para compartir a súa experiencia con todos os nenos e nenas amienses. O base madrileño falou sobre a súa experiencia esta temporada no Obradoiro CAB e tamén respondeu a varias preguntas que lle fixeron os rapaces e rapazas. Jorge Sanz incidiu en que todos os nenos/as deben compatibilizar os seus estudo coa formación deportiva, porque a vida profesional dun deportista é curta e non todos os xogadores poden gañarse a vida tan só xogando o baloncesto.
Jorge Sanz está cedido esta temporada no Obradoiro CAB. O base madrileño formouse nas categorías inferiores do Real Madrid. Durante a tempada 2010-2011 debutou co primeiro equipo en liga ACB. Ao ano seguinte debutou en Euroliga, metendo un triplo no primeiro balón que tocou. Durante este temporada 2012-2013 está cedido no Blusens Monbus Obradoiro. No seu palmares conta con varios títulos, tanto xogando no Real Madrid coma na selección española de baloncesto. Co Real Madrid gañou a Copa do Rei de 2012. Mentres que coa selección española de baloncesto gañou dúas medallas de ouro: unha no Europeo Sub 16 en Kaunas 2009 e outra no Europeo Sub 18 en Wroclaw (Polonia) 2011.
Sinatura de autógrafos
Tras unha pequena charla, o xogador do Blusens Monbus Obradoiro participou nos diferentes exercicios que estaban realizando os rapaces. Xogou un pequeno partido, participou nun circuíto e fixo tiro cos nenos máis grandes. Por último, sacou unha foto de grupo con todos os nenos/as e monitores e asinoulle autógrafos aos rapaces. Tamén houbo tempo para facerse fotos con nenos/as e maiores.