Solapas principales

O urbanismo de Ames despega diante da demanda de vivendas

Viernes, 26 de marzo de 2021

O Concello de Ames someterá a aprobación unha nova licenza urbanística para a construción de dous novos edificios de vivendas en Milladoiro. Esta nova aprobación sumarase ás xa concedidas nos meses pasados e que se atopan en construción no entorno do Paseo Fluvial de Bertamiráns. Esta licenza poñerá en servizo mais de 100 novas vivendas.

A licenza concedida para Milladoiro da inicio ao despegue do Sector S15 no centro do núcleo urbano, zona que durante máis dunha década estivo bloqueada. Os dous novos bloques levantaranse nunha rúa perpendicular á Travesía do Porto e ao carón da Escola infantil do Milladoiro. Poñeranse á venda 74 vivendas de diferentes m2, ademais de locais comerciais e oficinas.

O sector S15 xa tivo un impulso este mesmo ano coa inauguración do novo Centro de Saúde de Milladoiro que se sitúa nunha das parcelas e que o Concello cedeu a Xunta de Galicia para esta importante infraestrutura. O desbloqueo urbanístico do sector fíxose efectivo ao longo da lexislatura pasada coa aprobación definitiva do Plan e nos dous últimos anos cos traballos de xestión na definición das fases e a concreción do proxecto de urbanización. Desde o Concello “priorízase a necesidade de levar a cabo unha urbanización da área que contemple unhas fases prioritarias como son o remate das beirarrúas da travesía do porto e o entorno da área deportiva”.

Residencias
Igualmente, o Concello informa que nos últimos días mantivéronse diferentes reunións cos representantes de empresas interesadas na construción de residencias da terceira idade no núcleo de Milladoiro. Así, prevese que unha delas poda xa ser aprobada definitivamente no Plan especial no pleno de abril, ao contar con todos os informes e condicións necesarias. Dita Residencia estará situada na contorna do cuartel da Garda civil e terá capacidade para 58 usuarios/as.

Asemade, o Alcalde de Ames e a arquitecta municipal reuníronse co bufete de arquitectura encargado do proxecto de construción doutra residencia xunto a travesía do Porto. Na reunión expúxose o proxecto e informouse dos requisitos técnicos necesarios. Neste caso o número total de prazas superaría as 100 e daría un impulso urbanístico ao espazo situado xunto ao aparcamento e a área de autocaravanas, ademais de complementar un terceiro proxecto na mesma contorna, contribuíndo ao desenvolvemento da zona.

Outras edificacións
Sumado ao anterior, neste último mes estanse a definir dúas novas actuacións ligadas as áreas de hipermercados por dúas cadeas de alimentación, unha en Milladoiro e outra en Bertamirans. As reunións mantidas desde o ano 2019 están xa na fase final e ultimando os detalles das correspondentes licenzas. Para o Concello é unha moi boa nova xa que a implantación destas dúas cadeas traerán importante oferta de emprego ao noso Concello, á vez que propiciarán o avance do desenvolvemento urbano nas zonas onde se localicen. Desde o Concello estase a traballar na consecución de espazos de aparcamento libres ligados a estas grandes superficies.

Estas obras darían continuidade ás xa iniciadas na contorna de Rego dos Pasos onde as grúas xa están traballando na 2ª promocións de vivendas - 22 dun lado e 80 do outro-, o que dará continuidade ao desenvolvemento desta zona que fora recepcionada polo Concello en 2019 e na que se sitúa a Escola infantil.

Outras promocións
Desde a concellaría de urbanismo infórmase tamén que no mes de abril darase o visto bo a outras promocións urbanísticas de menor volume como un bloque de vivenda na contorna da praza da Mahia, e na que se leva máis de un ano definindo xunto ao Rexistro. Igualmente, esta mesma semana o Alcalde e concelleiro de urbanismo reuníronse, xunto coas técnicas do departamento, cos promotores do sector PB7 para concretar os pasos a dar para a aprobación do proxecto de ocupación na contorna do río en Bertamirans.

Xuntas de compensacion
Por outra banda, nestes últimos 6 meses estanse a constituír dúas novas xuntas de compensación en Bertamirans. O S20 xunto ao Paseo Fluvial, e no Rueiro, xa constituída na actualidade. O desenvolvemento destes sectores posibilitará a consecución de máis zona verde e espazo público nos enclaves do núcleo urbano de A Condomiña e o Ameneiral.

Por último retomáronse os contactos entre Concello e a Xunta de compensación das Pateiras de cara a reactivar a II fase da urbanización da Peregrina que leva abandonada máis de 15 anos. O obxectivo é promover a reurbanización das rúas existentes e poder dar saída á promoción das vivendas, onde o Concello conta cun número de parcelas.

O Alcalde resalta “a sobrecarga de traballo que está a supoñer este boom urbanístico e que se suma ás múltiples solicitudes de licenzas e segregacións”. Miñones agradece ademais ao departamento “o esforzo que se está a facer por sacar adiante os expedientes”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames concederá licencias para 74 pisos y dos residencias de mayores en O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Jugosa oferta residencial con casi doscientas viviendas y dos geriátricos"

Edificio Proxectado Bertamiráns

Multimedia

  • Parcela Paseo Fluvial
  • Parcela Paseo Fluvial
  • Obras Paseo Fluvial
  • Obras Paseo Fluvial
  • Obras Paseo Fluvial
  • Edificio proxectado en Milladoiro
  • Promoción Milladoiro