Solapas principales

O servizo de Transporte Adaptado colabora na campaña de vacinación da COVID19

Martes, 16 de marzo de 2021

O servizo de Transporte Adaptado, que xestiona a Oficina de Voluntariado, súmase a campaña de vacinación da COVID19 poñendo a disposición da veciñanza o vehículo para trasladar ás persoas que o necesiten ao Centro de Saúde de Milladoiro, único punto do municipio onde se está procedendo á vacinación dos veciños e veciñas de Ames. Ao mesmo tempo, a Concellaría de Servizos Sociais inicia unha campaña para dar a coñecer todos os servizos que ofrece o Trasporte Adaptado. As persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 662 377044, 900 204 000 e 981 89 10 17 en horario de 09:00 a 14:00 horas.

O servizo de Transporte Adaptado leva ampliando a súa oferta de servizos desde que comezou a pandemia da COVID10. Agora, suma aos seus cometidos habituais, o de trasladar ao Centro de Saúde do Milladoiro a aquelas persoas que non poden acudir a vacinarse doutro xeito. Para dar a coñecer este novo servizo e o resto de prestacións que ofrece o Trasnporte Adaptado, a OVA, a Oficina do Voluntariado, pon en marcha unha campaña que fará chegar a todas as parroquias do Concello e que terá tamén o seu reflexo, en forma de cartaz, nos Centros de Saúde, Centros Sociais, farmacias, egrexas e outros lugares frecuentados pola veciñanza.

Na campaña de difusión especifícanse os servizos ordinarios e os servizos extraordinarios que ofrece o Transporte Adaptado para atender ás necesidades básicas da poboación máis vulnerable. E canto aos servizos ordinarios, o Transporte Adaptado facilita o desprazamento de persoas con dificultades de mobilidade aos Centros de Saúde, hospitais, perruquerias, oficinas administrativas. Os servizos extraordinarios do TA, dirixidos a persoas maiores e a aquelas persoas aqueixadas de problemas de mobilidade ou de calquera outra eiva que lles impida valerse por si mesmas, ofrecen a posibilidade de encargarse das súas compras de alimentación e de menciñas e de facer por eles aquelas xestións que precisen.  

Na actualidade, o servizo tamén se presta a aquelas persoas que están en situación de confinamento, ben sexa preventivo ou por dar positivo por Covid-19, xestionando as súas compras de alimentación e medicamentos e levándollas ao seu domicilio. A esta ofertaa súmase agora o traslado dos veciños e veciñas ao Centro de Saúde do Milladoiro onde se está vacinando contra a COVID19 no concello de Ames.

“Polo de agora, a campaña de vacinación únicamente se realiza no Centro de Saúde do Milladoiro, polo que moitos veciños e veciñas, persoas maiores que viven soas e en ocasións ailladas, teñen máis dificultades á hora de acudir á cita para que se lles subministre a vacina. Indiscutiblemente o servizo Transporte Adaptado tiña que dar resposta a esta necesidade”, manifesta a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, quen engade que “se en todo momento fumos conscientes da importancia deste servizo, a pandemia puxo de manifesto que era un servizo absolutamente esencial. Foi nese momento cando o servizo tivo un maior incremento de demandas e tamén cando se incrementou notablemente a variedade de servizos”.

Desde hai varias semanas, o Transporte Adaptado traslada aos veciños que o necesitan ao Centro de Saúde do Milladoiro para vacinarse contra a COVID19. Aquelas persoas que desexen valerse deste servizo poden chamar aos teléfonos 662 377044, 900 204 000 e 981 89 10 17 en horario de 09:00 a 14:00 horas. 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Inventámolo todo para axudar á xente con doce voluntarios: a élite"

Transporte adaptado