Solapas principales

O SERGAS vai executar obras de reparación e mantemento do centro de saúde de Bertamiráns

Miércoles, 09 de octubre de 2019

O Concello de Ames, a través do departamento de Urbanismo, vén de emitir un informe favorable ante a solicitude feita polo SERGAS para a reparación e mantemento do centro de saúde de Bertamiráns. O presuposto de execución material das obras ascende a 260.737 euros, ao que hai que sumarlle os gastos xerais. Deste xeito, mellorarase a cuberta do edificio, remodelarase a recepción deixando máis espazo libre no primeiro andar, executaranse traballos de pintado interior e exterior, substituiranse as vellas luminarias por unhas novas de tecnoloxía de alta eficiencia, repararanse as ventas de aluminio existentes e colocaranse estores, entre outros traballos.

O SERGAS presentou unha solicitude no departamento de Urbanismo do Concello de Ames para poder executar o proxecto de reparación e mantemento do centro de saúde de Bertamiráns. Durante o mes de setembro emitiuse informe favorable por parte dos servizos técnicos municipais de urbanismo para poder executar os traballos recollidos no proxecto técnico. O SERGAS xa pagou as taxas municipais relativas a ditos traballos e será agora o encargado de tramitar a execución de ditas obras.

Ditos traballos consistirán na substitución da cuberta e lucernario actual por unha cuberta de panel sándwich e a colocación de tubos solares para iluminación en substitución do lucernario. Tamén se vai remodelar a área de recepción, para deixar máis espazo libre no primeiro andar, e ampliar o seu acceso. Ademais, colocarase unha porta corredoira para independizalo do PAC e modificar a zona de acceso.

No proxecto técnico tamén se contempla o pintado exterior e interior da edificación; a substitución das luminarias incandescentes e fluorescente actuais e os seus mecanismos, por luminarias de tecnoloxía de alta eficiencia, con regulación do nivel de iluminación e integradas nun sistema xeral para programación horaria; e maila adaptación da instalación de carga de gasóleo á normativa actual.

Por último, substituirase a porta exterior de acceso á sala de caldeiras; retiraranse as persianas metálicas e procederase á eliminación das caixas de persiana; repararanse as ventas de aluminio existentes e colocaranse estores nas ventas. Tamén se fará unha disposición de trasdosado e falsos teitos en zonas puntuais e maila reparación do pavimento na zona exterior.

O presuposto de execución material da obra ascende a 260.737 euros, ao que hai que sumarlle os gastos xerais. Estas obras serán executadas despois de varias xuntanzas que mantivo o goberno municipal con representantes do SERGAS para trasladarlle a necesidade de mellorar e acondicionar as instalacións deste centro de saúde que foi construído en 1991.

A concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, indica que “son unhas melloras moi necesarias que levamos demandando dende o Concello e o propio centro de saúde dende hai anos, xa que este centro de saúde non se volveu tocar dende a súa inauguración. Co tempo e o crecemento poboacional facíase imperioso, tanto os traballos de mantemento como as obras de reestruturación dos espazos, para que os traballadores/as poidan desenvolver o seu traballo en condicións óptimas e se presten as atencións e servizos aos usuarios /as con calidade. Estas obras mellorarán sen dúbida o noso centro de saúde dando resposta as necesidades plantexadas”.

Imaxe do centro de saúde de Bertamiráns