Solapas principales

O Sergas pretende aumentar o persoal do centro de saúde de Bertamiráns cun/unha médico/a e un/unha enfermeiro/a na quenda de tarde

Miércoles, 13 de noviembre de 2019

O Sergas vén de comunicarlle ao Concello de Ames a vontade de ampliar o cadro de persoal do centro de saúde de Bertamiráns cun/unha medico/a un/unha enfermeiro/a na quenda de tarde. Ademais, está previsto que o Sergas execute obras de reparación e mantemento en dito centro de saúde. O presuposto de execución material das obras ascende a 260.737 euros, ao que hai que sumarlle os gastos xerais. Deste xeito, mellorarase a cuberta do edificio, remodelarase a recepción deixando máis espazo libre no primeiro andar, executaranse traballos de pintado interior e exterior, substituiranse as vellas luminarias por unhas novas de tecnoloxía de alta eficiencia, repararanse as ventas de aluminio existentes e colocaranse estores, entre outros traballos.

O Concello de Ames vén de recibir notificación do Sergas na que se indica que o organismo autonómico ten a vontade de ampliar o cadro de persoal do centro de saúde de Bertamiráns cun/unha medico/a un/unha enfermeiro/a na quenda de tarde. Esta boa nova únese ás obras de reparación e mantemento que realizará o Sergas no centro de saúde de Bertamiráns. No mes de setembro emitiuse informe favorable por parte dos servizos técnicos municipais de urbanismo para poder executar os traballos recollidos no proxecto técnico. O SERGAS xa pagou as taxas municipais relativas a ditos traballos e será agora o encargado de tramitar a execución de ditas obras.

Co paso do tempo e o crecemento poboacional de Bertamiráns e a súa contorna era necesario, tanto os traballos de mantemento como as obras de reestruturación dos espazos existentes, para que os traballadores/as poidan desenvolver o seu traballo en condicións óptimas e se presten as atencións e servizos aos usuarios/as con suficiente calidade.

Os traballos consistirán na substitución da cuberta e lucernario actual por unha cuberta de panel sándwich e a colocación de tubos solares para iluminación en substitución do lucernario. Tamén se vai remodelar a área de recepción, para deixar máis espazo libre no primeiro andar, e ampliar o seu acceso. Ademais, colocarase unha porta corredoira para independizalo do PAC e modificar a zona de acceso.

No proxecto técnico tamén se contempla o pintado exterior e interior da edificación; a substitución das luminarias incandescentes e fluorescente actuais e os seus mecanismos, por luminarias de tecnoloxía de alta eficiencia, con regulación do nivel de iluminación e integradas nun sistema xeral para programación horaria; e maila adaptación da instalación de carga de gasóleo á normativa actual.

Por último, substituirase a porta exterior de acceso á sala de caldeiras; retiraranse as persianas metálicas e procederase á eliminación das caixas de persiana; repararanse as ventas de aluminio existentes e colocaranse estores nas ventas. Tamén se fará unha disposición de trasdosado e falsos teitos en zonas puntuais e maila reparación do pavimento na zona exterior.

O centro de saúde foi construído en 1991
O presuposto de execución material da obra ascende a 260.737 euros, ao que hai que sumarlle os gastos xerais. Estas obras serán executadas despois de varias xuntanzas que mantivo o goberno municipal con representantes do SERGAS para trasladarlle a necesidade de mellorar e acondicionar as instalacións deste centro de saúde que foi construído en 1991.

A concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, indica que “estamos moi satisfeitos de que o Sergas estea atendendo as reclamacións feitas sobre o centro de saúde de Bertamiráns. Co incremento de persoal na quenda de tarde poderase prestar un mellor servizo á veciñanza de Ames”. Sobre as obras que se van executar neste centro de saúde, Luísa Feijóo, dixo que “son unhas melloras moi necesarias que levamos demandando dende o Concello e o propio centro de saúde dende hai anos, xa que este centro de saúde non se volveu tocar dende a súa inauguración. Estas obras mellorarán sen dúbida o noso centro de saúde dando resposta as necesidades plantexadas”.

Centro de saúde de Bertamiráns