Solapas principales

O sábado, 1 de abril, abre o prazo de preinscrición nas escolas municipais de Ames

Miércoles, 29 de marzo de 2023

A Concellaría de Educación informa da apertura do prazo de preinscrición para o curso 2023-2024 nas escolas infantís de titularidade municipal (O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro), dende este sábado, día 1, ata o vindeiro 17 de abril, ambos incluídos. Posteriormente, os/as admitidos/as deberán formalizar a matrícula entre o 1 e o 15 de xuño. A documentación a presentar para preinscribirse poderá descargarse preferentemente a través da páxina web conciliames.gal, ou ben recollerse nas dependencias das escolas.

Dende este sábado, 1 de abril, pódese solicitar praza nas escolas infantís municipais de Ames para os nenos e nenas que teñan entre 3 meses e 3 anos. A documentación que hai que cubrir e presentar para tramitar esta solicitude poderá descargarse na páxina web conciliames.gal, ou ben recollerse nas propias dependencias das escolas, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Unha vez cuberta a documentación, esta poderá entregarse a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas escolas, tamén de 9:00 a 14:00 horas.

Ao rematar o prazo de preinscrición publicaranse tanto na web municipal como en conciliames.gal e nos taboleiros das escolas infantís as listaxes provisionais de admitidos/as. Haberá un prazo para presentar posibles reclamacións. Posteriormente, entre os días 1 e 15 de xuño abrirase o prazo de matrícula.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque, situada no nº 28 da avenida da Peregrina; e a EIM A Madalena, localizada no nº 16 da praza da Madalena, no Milladoiro.

Así mesmo, tamén se pode chamar aos números de teléfono 682 497 369 (EIM O Bosque) e 981 538 433 (EIM A Madalena), ou empregar os enderezos electrónicos eibertamirans@concellodeames.gal e eiamadalena@concellodeames.gal.

Cartaz da preinscrición nas escolas infantís municipais