Solapas principales

O Punto Limpo recolleu en xuño preto de tres toneladas de equipos eléctricos e electrónicos

Viernes, 28 de julio de 2023

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 581 entradas en xuño de 2023. Durante o pasado mes destaca a achega de 2.630 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 48 pneumáticos fóra de uso, 46 aerosois e 77 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas. O Punto Limpo, inaugurado en xaneiro de 2007, está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro, e abre de luns a sábado de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

O número de veciñas e veciños que fan uso do Punto Limpo para depositar alí os seus residuos segue incrementando, xa que cada vez somos máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos refugallos que non se poden depositar nos colectores convencionais.

Deste xeito, durante o pasado mes de xuño realizáronse unhas 581 entradas no servizo. Concretamente, a veciñanza amesá depositou 2.630 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 100 quilogramos (2 metros cúbicos) de envases baleiros contaminados, 360 quilogramos de pneumáticos fóra de uso (48 unidades), 60 quilogramos de baterías de chumbo (4 unidades), 3 metros cúbicos de roupa, 100 metros cúbicos de voluminosos e 11 quilogramos de pilas (arredor de 380 unidades).

Ademais, rexistrouse a entrada de 77 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 20 metros cúbicos de escombro, outros 30 metros cúbicos de plásticos, 30 metros cúbicos de metais, 96 quilogramos de pintura, 100 metros cúbicos de madeira, 9 metros cúbicos de papel e 46 unidades de aerosois. Cómpre destacar tamén o incremento nos aceites, 122 litros de aceite vexetal e 44 litros de aceite de motor.

Horarios e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece atención de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositalos xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a súa recollida.

Punto limpo móbil
No pasado mes de abril comezou a funcionar o Punto Limpo móbil. Trátase dun vehículo adaptado que percorre os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das Casas da Cultura ou locais sociais de cada parroquia co obxectivo de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública.

O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Neste vehículo hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.

Os residuos que se poden depositar en dito Punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os amienses reciclaron en xuño 3 toneladas de aparellos eléctricos"

O Punto Limpo recolleu en xuño preto de tres toneladas de equipos eléctricos e electrónicos

Multimedia

  • No pasado mes de abril comezou a funcionar o Punto Limpo móbil