- Tematica
O centro de depósito de residuos do Concello de Ames rexistrou un total de 720 entradas repartidas en 695 no Punto Limpo do Milladoiro, na rúa das Hedras, e 25 no Punto Limpo Móbil durante o pasado mes decembro. Estas cifras poñen de manifesto, unha vez máis, a implicación de toda a veciñanza de Ames en materia medioambiental e a importancia de separar e reciclar residuos. O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do parque empresarial Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais.
Durante este período, a cantidade total de deposicións foi de 720, repartidas en ambos espazos do concello. No Punto Limpo do Milladoiro o material máis depositado no foi a madeira, cun total de 3.193 quilogramos, seguida moi de preto polo formigón, ladrillos e outros refugallos con 2.666 quilogramos.
Os metais mantéñense no tempo como outro dos residuos máis desbotados: en decembro, a cantidade total de depósito no Milladoiro foi de 870 quilogramos. Ademais, tamén destaca a alta cantidade de pequenos aparatos electrónicos (PAES), cun total de 709 unidades; de plásticos, con 310 quilogramos; e de materiais voluminosos varios, con 241 unidades.
Tamén rexistrou moi boas cifras o Punto Limpo Móbil durante este mes. Do mesmo xeito que no rexistro anterior os pequenos aparatos electrónicos (PAES), seguen a ser o refugallo máis depositado polo usuarios e usuarias, cun total de 21 deposicións. Moi preto en cantidade, atópanse a roupa e os materiais voluminosos, con 13 quilogramos, e o aceite vexetal, o cal acumulou 7 quilogramos no rexistro.
Mes a mes, as cifras do rexistro en ambos centros de depósito de residuos seguen poñendo de manifesto do nivel de concienciación da veciñanza amesá co medio ambiente e coa importancia que ten para o noso día a día a reciclaxe e a reutilización dos residuos xerados.
Horario e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do parque empresarial Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece os seus servizos de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.
Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, e acordar unha data e un lugar para depositalos xunto ao contedor máis próximo e que, posteriormente, sexan recollidos.
Ampliación do servizo do Punto limpo móbil
O servizo do Punto limpo móbil, que encontrou en funcionamento no 2023, ampliou os seus servizos. Deste xeito, o último sábado de cada mes o Punto limpo móbil presta servizo nas urbanizacións de Aldea Nova, As Mimosas e Agro do Muíño, nos seguintes horarios:
-Urbanización de Aldea Nova: está diante do Centro de usos múltiples de Aldea Nova, en horario de 11.00 a 11.45 horas.
-Urbanización de Agro do Muíño: está na dársena de autobuses do CEIP Agro do Muíño, en horario de 12.00 a 12.45 horas.
-Urbanización de As Mimosas: está na zona da piscina, en horario de 12.55 a 13.30 horas.
O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Nel hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.
Os residuos que se poden depositar no punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.





