Solapas principales

O Punto Limpo de Ames alcanzou no mes de agosto 686 visitas, número máximo de entradas dende que comezou a funcionar

Martes, 10 de septiembre de 2019

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o pasado mes de agosto 686 visitas, número máximo de entradas por mes dende que se inaugurou en xaneiro de 2007. Das achegas feitas no pasado mes de agosto destaca fundamentalmente o incremento no aporte de envases baleiros contaminados e de pneumáticos que se atopaban fóra de uso. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.

Os veciños e veciñas de Ames cada vez son máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non van os colectores convencionais. Iso demóstrase no incremento de visitas que está experimentando o Punto Limpo. Cada vez son máis as persoas que achegan a este centro para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. Así non pasado mes de agosto alcanzáronse as 686 visitas, número máximo de entradas por mes dende que comezou a funcionar este servizo.

A cifra de entradas deste mes de agosto supera a acadada en setembro de 2017, de 650 visitas, que ata o de agora era a cifra máxima de usuarios/as rexistrados nun mes. Este ano destacan as boas cifras dos meses estivais xa que no mes de xullo rexistráronse 628 visitas. En relación aos residuos achegados pola veciñanza amesá no pasado mes de agosto destaca notablemente o incremento no aporte de envases baleiros contaminados e de pneumáticos que se atopaban fóra de uso.

Deste xeito durante o mes de agosto os veciños e veciñas de Ames entregaron 2.812 quilos de equipos electrónicos, 300 quilogramos de envases baleiros contaminados e 220 quilos (23 unidades) de pneumáticos que se atopaban fóra de uso. Tamén se entregaron 95 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 90 quilos (9 unidades) de baterías de chumbo, 7 quilogramos (253 unidades) de pilas e 12 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 30 metros cúbicos, aos que se sumaron 30 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 60 de madeira, así como 110 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 69 litros de aceites vexetais e outros 55 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 4 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Cada cousa no seu sitio!
Para concienciar á veciñanza de que vivir nun Ames limpo depende de cada un de nós, púxose en marcha a campaña “Cada cousa no seu sitio!”. A través do folleto informativo deseñado para esta campaña, lémbraselle aos veciños e veciñas que os RAEE (residuos de aparatos eléctricos e electrónicos) deben depositarse no Punto Limpo. Tamén se indica que os voluminosos (mobles e enseres) pódense levar ao Punto Limpo ou chamar ao número de teléfono 981 19 12 40, para que os recollan no propio domicilio da persoa que se quere desfacer deles.

Por outra banda, no folleto de dita campaña recórdase que a materia orgánica debe ir ao contedor verde;  a materia inerte ao contedor amarelo; e os CD/DVD, cartuchos de impresora, teléfonos móbiles e baterías aos mini puntos limpos que están repartidos polo termo municipal. O vidro ten que ir ao contedor iglú verde e o papel ao contedor azul.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, a cidadanía que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censados en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes/as veciños/as. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos e participando na loita contra os vertidos incontrolados.

O Punto Limpo de Ames alcanzou no mes de agosto 686 visitas

Multimedia

  • O Punto Limpo de Ames alcanzou no mes de agosto 686 visitas
  • O Punto Limpo de Ames alcanzou no mes de agosto 686 visitas
  • O Punto Limpo de Ames alcanzou no mes de agosto 686 visitas