- Tematica
Esta mañá abriuse o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro. Dende hoxe, 3 de agosto ata o 3 de outubro este servizo funcionará de luns a sábado de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas. Como novidade, este ano instalouse unha caseta de madeira na contorna da Casa da Cultura do Milladoiro. Este servizo xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. Nos últimos anos, o perfil medio do/a usuario/a atendido/a foi unha muller adulta, española e peregrina.
O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García; a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure; e a xerente do Albergue do Milladoiro e ecónoma da Asociación de Amigos do camiño Portugués en Ames e Teo, Eugenia González, estiveron presentes hoxe na estrea da caseta de atención ao peregrino e información turística do Milladoiro, localizada na contorna da Casa da Cultura de dito núcleo. Xunto a eles, tamén estivo presente Daniel Lorenzo, unha das dúas persoas que se encargaran de ofrecer este servizo.
Como novidade, este ano o servizo será ofrecido na contorna da Casa da Cultura do Milladoiro. O obxectivo deste servizo é acoller, prestar atención e facilitar información ás/aos peregrinas/os, así como difundir entre os residentes, visitantes e turistas os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.
Colaboración con ASCAMPOR
Esta iniciativa nace froito da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. ASCAMPOR é unha asociación privada sen ánimo de lucro que fixa os seus obxectivos na divulgación da peregrinación a Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. Da colaboración da Asociación coa parroquia de San José do Milladoiro na atención aos peregrinos naceu o proxecto social Albergue Milladoiro que se inaugurou o pasado 10 de marzo de 2017.
Esta asociación ten como obxectivos a promoción do Camiño de Santiago e toda a súa contorna como elemento dinamizador dunha acción social, vinculada ás necesidades concretas do territorio; e maila acollida do peregrino. Tendo en conta estes obxectivos desenvolven un proxecto de inclusión social e primeiro emprego, a través do cal puxeron en marcha en 2017 o albergue do Milladoiro e agora o punto de atención ao peregrino e de información turística, en colaboración co Concello de Ames.
Horario de atención
O punto de atención turística, que estará dispoñible dende hoxe, 3 de agosto, ata o vindeiro 3 de outubro, conta cun horario de atención ao público de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas de luns a sábado. Os domingos e festivos o emprazamento permanecerá pechado. As persoas encargadas de ofrecer este servizo durante os vindeiros dous meses serán Daniel Lorenzo e Antonio Llecha.
Novas relacionadas
Bisbarra: "O punto de atención turística do Milladoiro comeza dous meses de actividade ata outubro"









