A Concelleira Rosalía Seijas explicou que “desde o BNG non dicimos que non hai que adaptar a ordenanza do lixo, sabemos que é obrigatorio cumprir coa directiva europea e coa lei estatal, que a traspón ao noso marco legal. O que cuestionamos non é a necesidade de adaptarse, senón o xeito en que se fai: non é de recibo impoñerlle á veciñanza un incremento do 75% na taxa cando seguen a atoparse cos mesmos colectores rotos, as mesmas frecuencias de recollida que hai anos e as mesmas dificultades para reciclar correctamente.”
A edil nacionalista recalcou que a directiva europea fala tamén de melloras na xestión dos residuos, de eficiencia, de incrementar a recollida selectiva, de fomentar a separación en orixe, e de avanzar cara a unha economía circular, cuestións que, considera, non aparecen reflectidas nesta ordenanza. “Non vemos medidas para modernizar o servizo, nin para implantar a recollida porta a porta, nin un plan serio para reforzar a compostaxe —individual ou colectiva—, nin campañas de sensibilización e formación da cidadanía, que son obrigatorias para acadar os obxectivos europeos”, sinala. “Esta non é unha ordenanza que mire ao futuro nin que aposte por un Ames máis sostible e con mellores servizos”, engade.
Rosalía Seijas, subliñou que o BNG defendeu sempre a Mancomunidade, pero a Mancomunidade como modelo consolidado de reciclaxe de residuos “lémbrolles que a nosa comarca chegou a estar dentro dos oito municipios que máis reciclan” indicou, “pero dende o BNG sempre solicitamos unha auditoría económica e medioambiental da planta que ata o de agora nunca se deu, e nós nunca defenderemos un modelo cos ollos pechados e sen datos”, aclarou. “E voulles dicir máis, a situación da planta é a que é debido a que se alternaron as presidencias do PP e do PSOE e deixaron morrer o modelo”, concluíu.






