Solapas principales

O proxecto Youtubeir@s dará a coñecer os proxectos gañadores este venres 29 de novembro no Teatro Principal

Lunes, 25 de noviembre de 2019

Este venres, 29 de novembro, terá lugar a entrega de premios do proxecto Youtubeir@s no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Patricia de Lorenzo, o DJ Manu TF e a graffiteira Iria Fafián animarán a gala dos Premios Youtubeir@s, aos que aspiran un total de 27 finalistas entre os 252 vídeos e canles participantes que concorreron nesta terceira edición. As entradas son gratuítas e pódense retirar no despacho de billetes do Teatro Principal no horario de 18.00 a 20.00h. Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

A actriz Patricia de Lorenzo encargarase de conducir a cerimonia, para a que se transformará en Isaura, a súa coñecida personaxe na peza teatral Fillas Bravas do Grupo Chévere, mentres que Manu TF se ocupará de poñer a música e Iria Fafián elaborará en directo un gran graffiti para celebrar o final desta terceira edición de Youtubeir@s, unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

O leitmotiv desta gala xirará arredor da idea de construír unha comunidade cada vez máis ampla, diversa e consolidada de creadores e creadoras dixitais galegas, seguindo o lema desta convocatoria “Conéctate á comunidade e multiplícate”. O acervo creativo do Youtube demostra que a nosa lingua, así como a súa relación coas novas canles de comunicación, é un elemento vivo que está en constante construción, evolución e transformación. Para poder asistir xa se poden recoller os convites (máximo 3 persoas) na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado das 18.00 horas ás 21.00 horas.

Na entrega de galardóns, en representación do Concello de Ames, estará a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. Haberá un pasadoiro, polo que as persoas interesadas poden achegarse antes de que comece a Gala, ás 19.30 horas, ao Teatro Principal para poder posar coas lentes youtubeiras. Xunto con moitas sorpresas máis.

En total, os/as vencedores/as recibirán 6.500 euros repartidos nas categorías de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos ou canle, dotadas con 1.000 euros cada unha. Tamén se entregarán catro premios máis valorados en 500 euros cada un e que recoñecerán a creatividade, a eficiencia comunicativa, a calidade técnica e a calidade lingüística dos vídeos presentados. Darase a coñecer tamén na gala o premio do público que xorde dos vídeos propostos polas persoas usuarias de Youtube.

252 inscricións e canles e 6.500 euros en premios
Nesta terceira convocatoria rexistráronse un total de 252 inscricións, entre vídeos e canles participantes, o cal se traduce en que en máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados ao de Youtube este último ano. Ademais, constátase un aumento na participación, que pasou das 202 inscricións de 2017, ano en que se celebraron os primeiros Premios Youtubeir@s, ás 252 desta edición, que aspiran a uns galardóns divididos en nove categorías e cunha dotación económica total de 6.500 euros.

No apartado de vídeo-opinarmos rexistráronse un total de 129 vídeos participantes, mentres que á categoría vídeo-facermos aspiraron 89 vídeos, á de canles optaron un total de 32 e na nova categoría deste ano de vídeo-cantarmos competiron 30 vídeos. Cada unha destas catro categorías conta cun premio de 1.000 euros e as producións gañadoras serán determinadas polo xurado (integrado por Nel Vidal, Johana Paradelo, Tomás Lijó, Brais Nogueira e Inés Salvado), quen tamén decidirá os premios dotados con 500 euros á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística. Por último, na gala darase a coñecer tamén o galardón á #propostayoutubeira, premio dotado con 500 que entrega o público do proxecto Youtubeir@s

Cómpre destacar que o 43 % dos vídeos participantes están asinados por persoas de entre 18 e 30 anos, mentres que un 33 % pertencen a autoras e autores de entre 30 e 50. Os maiores de 50 anos representan o 12 % da concorrencia mentres que os youtubeiros e youtubeiras menores de 18 significan o 10 % do total. Por municipios, os datos reflicten que San Sadurniño, con 41 vídeos participantes, A Coruña con 39, Santiago con 36 e Rianxo con 25 son os concellos que máis vídeos achegan, sendo a provincia da Coruña a que máis participación acapara ao contar cun total de 198 inscricións neste 2019.

Gala Youtubeir@s

Multimedia

  • Gala Youtubeir@s