Solapas principales

O proxecto de formación para maiores Camiños de coñecemento e experiencia comezará en Ames o 6 de abril

Sábado, 17 de marzo de 2018

[17-03-2018] O IV Ciclo da Universidade de Santiago chegará a Ames en abril, baixo o título Camiños de coñecemento e experiencia. O proxecto, que ten como obxectivo ofrecer unha formación de carácter universitario a persoas maiores de 50 anos, está conformado por unha serie de seminarios nos que se abordarán diferentes temáticas. As aulas, que serán impartidas por docentes da Universidade de Santiago, versarán así sobre historia, patrimonio, medio ambiente e música. As sesións, a excepción da última, desenvolveranse sempre en horario de mañá, entre as 10:00h e as 11:30 horas. A reserva de praza tramitarase na Casa da Cultura de Bertamiráns ou a través do número de teléfono 981 89 09 64. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa completo do Ciclo.

O proxecto Camiños de coñecemento e experiencia comezará a andar no Concello de Ames o vindeiro 6 de abril, co seminario “Clase teórica de Invitación a un Concerto”. Esta primeira aula será impartida pola profesora da facultade de Ciencias da Educación, Silvana Longueira Mato. A seguinte das sesións, “Clase teórica de Historia da Cultura de Galicia”, desenvolverase o 13 de abril da man do profesor da facultade de Xeografía e Historia, Rubén Castro Redondo.

O 19 de abril impartirase o seminario “Clase teórica de Medio Ambiente”, que será dado polos profesores da facultade de Física, José Antonio Rodríguez Añón e Jorge Proupín Castiñeiras. No día a seguir, o 20 de abril, o alumnado realizará a “Visita guiada á EDAR de Silvouta”, acompañado polos dous docentes. Tanto a visita como o resto de aulas teóricas celebraranse sempre de mañá, en horario de 10:00h a 11:30 horas.

A última das sesións do programa terá lugar o 27 de abril, coa realización da “Visita guiada aos petróglifos de Ventosa”. A visita será a única das sesións que se desenvolverá en horario de tarde, entre as 17:15h e as 18:30 horas. Nesta ocasión, o alumnado estará acompañado polo profesor Rubén Castro. No tocante ás saídas encadradas dentro do proxecto formativo, aínda está pendente de confirmación a posible asistencia do alumnado a un dos Concerto da Real Filharmonía de Galicia.

A totalidade das aulas teóricas impartiranse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para obter máis información ou para reservar praza, as persoas interesadas deberán achegarse á Casa da Cultura de Bertamiráns ou chamar ao número de teléfono 981 89 09 64. Neste proxecto da Universidade de Santiago colaboran, ademais da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, unha vintena de Concellos como os da Baña, Noia, Muros, Boiro ou Ordes.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El programa de la USC Camiños de Coñecemento e Experiencia llega en abril"