Solapas principales

O programa Trouleando volve en marzo cunha xornada de rafting polo río Ulla

Miércoles, 06 de marzo de 2024

A Concellaría de Mocidade ten programada para o sábado 23 de marzo unha nova actividade do programa Trouleando, dirixida a mozos/as de Ames a partir de 12 anos. Neste caso, organizouse un descenso de rafting polo tramo do río Ulla que discorre entre Carcacía e Herbón. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 7 ao 13 de marzo. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. As prazas son limitadas, e cubriranse por orde de chegada das inscricións. Esta actividade é de balde e está organizada polo departamento de Xuventude.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mocidade, retoma as actividades do programa Trouleando. Esta é a primeira actividade de 2024. Deste xeito, para este mes de marzo proponse unha xornada que conxuga diversión, deporte e aventura, para gozar dunha experiencia diferente e saír da rutina semanal.

O rafting é un dos deportes acuáticos máis emocionantes para as persoas que buscan descargar adrenalina e pasar unhas horas de diversión. Nesta xornada descenderase o Ulla, un dos ríos de interior máis emblemáticos para vivir esta aventura, no tramo entre Carcacía e Herbón (Padrón), facendo un percorrido que atravesa bosques de ribeira con carballos, ameneiros e salgueiros. Os/as participantes descenderán nunha gran balsa río abaixo, entre correntes e rápidos, remando en equipo para esquivar rochas e saltos de auga ata chegar a augas tranquilas onde gozar da beleza natural da contorna do río.
 
A actividade terá lugar o sábado 23 de marzo. Sairase en autobús dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 15.00h, e da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 15.15 horas. O regreso efectuarase nas mesmas paradas, chegando O Milladoiro arredor das 20:30h e a Bertamiráns ás 20:45 horas aproximadamente. Os/as participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais/nais/titores-as ou representantes legais.

Como inscribirse?
Para inscribirse debes estar empadroado/a no Concello de Ames, ter de 12 anos cumpridos en adiante e saber nadar. Se queres participar cubre a ficha de inscrición e envíaa ao enderezo: xuventude@concellodeames.gal. O prazo para entregala está aberto do 7 ao 13 de marzo. Hai 40 prazas dispoñibles, que se asignarán por orde de chegada das inscricións.

Para esta actividade contarás con todo o material necesario (neopreno, casco, chaleco salvavidas e material de seguridade). Recorda vir equipado/a con traxe de baño, toalla,  zapatillas deportivas para mollar, crema solar e roupa e calzado de reposto para despois da actividade.

Será preciso contar cun mínimo de 20 mozos/as para desenvolver esta actividade; en caso contrario, o Concello de Ames, poderá anular a actividade. Para resolver calquera dúbida contacta co departamento de Xuventude chamando ao número de teléfono 616 08 32 29 ou enviando un correo electrónico ao enderezo: xuventude@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Regresa Trouleando cunha xornada de rafting no Ulla"

O programa Trouleando volve en marzo cunha xornada de rafting polo río Ulla

Multimedia

  • O programa Trouleando volve en marzo cunha xornada de rafting polo río Ulla